27 de marzo de 2016
27.03.2016

Os Camiños do Norte recibirán sete millóns de euros para a súa conservación

A Xunta, a través da Consellería de Cultura e da Dirección de Turismo, dará un pulo a estas rutas, declaradas Patrimonio Mundial da Unesco o pasado mes de xullo en Bonn

27.03.2016 | 03:14
Dende a esquerda, Anxo Lorenzo; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e Nava Castro, na presentación dos orzamentos. // FDV

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentaron esta semana as actuacións estratéxicas que os seus departamentos van desenvolver neste ano 2016 para impulsar os Camiños do Norte, declarados o pasado 5 de xullo de 2015 Patrimonio Mundial da UNESCO na 39ª sesión do Comité do Patrimonio Mundial, celebrada en Bonn (Alemaña).

En concreto, a Consellería de Cultura ten iniciados xa os trámites para realizar melloras na Catedral de Mondoñedo e no Mosteiro de Sobrado dos Monxes - recoñecidos como bens asociados ao Camiño na Lista do Patrimonio Mundial- ; así como continuar coas tarefas do Plan de Mantemento da Muralla e executar a restauración do cubo VI deste monumento. Así mesmo, e no marco do convenio asinado coa Diocese de Lugo, contémplase a posta en marcha do Museo Diocesano e Catedralicio nesta cidade.

O orzamento ascende a máis de 2 millóns de euros entre as actuacións en Mondoñedo e Sobrado dos Monxes, a executar en varias anualidades; que se unen aos preto de 12 millóns de euros que este departamento leva investidos nos 24 concellos (16 da provincia de Lugo e 8 da Coruña) polos que pasan as rutas dos Camiños do Norte, dos que máis de 3,3 millóns se destinan exclusivamente ao monumento que identifica mundialmente a Lugo, a Muralla.

Entre outras accións, Turismo de Galicia puxo xa en marcha a rehabilitación da Casa Pasarin en A Fonsagrada para a construción dun novo albergue no Camiño Primitivo que leva consigo unha inversión de máis de 500.000 euros. Así mesmo, este departamento da Xunta levará a cabo importantes proxectos de sinalización e mellora nos dous itinerarios xacobeos por un valor de 4 millóns de euros. Por outra parte, está previsto o traslado do Centro de Interpretación do Camiño Norte ao Centro Cultural Alcántara en Mondoñedo que leva consigo unha inversión de 40.000 euros. Ademais, Turismo de Galicia mantén un convenio de colaboración co bispado de Lugo, cunha achega de 98.000?, que posibilita a apertura de diversas igrexas no Camiño Primitivo, nos meses de maior afluencia de peregrinos.

Catedral de Mondoñedo

Segundo explicou o conselleiro de Cultura e Educación, a Catedral de Mondoñedo é un monumento senlleiro do patrimonio cultural de Galicia dun altísimo interese polos seus valores históricos, artísticos, arquitectónicos, relixiosos e urbanísticos, ademais dun dos principais recursos turísticos da zona norte da provincia de Lugo.

Neste momento estanse tramitando as obras ?que se poderían licitar nas vindeiras semanas- para a conservación, restauración e rehabilitación do monumento; que se complementará co estudo e traballo técnico necesario para avanzar e mellorar no coñecemento da catedral, na súa diagnose e no deseño de accións futuras de conservación preventiva e actuacións de conservación, restauración e posta en valor. Deste xeito a actuación centrarase na substitución de lousas da cuberta e restauración da estrutura de madeira

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia