A Xunta de Galicia -a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística- e o Goberno de Castela e León ratificaron o compromiso de ambas administracións para mellorar o Protocolo Xeral de Colaboración para a promoción do idioma galego no Bierzo e Sanabria. Así o salientou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que esta mañá participou na xuntanza anual da comisión mixta de seguimento do Programa de Ensino en Galego nestas zonas, que tivo lugar en Valladolid.

Valentín García destacou "o compromiso das administracións galega e castelá-leonesa para melloraren e aumentaren o protocolo xeral de colaboración para a promoción do galego no Bierzo e Sanabria", e engadiu que "os dous gobernos porán en marcha unha campaña de publicidade de cara ao vindeiro período de matriculación para que as familias desas dúas zonas da comunidade veciña descubran as vantaxes de aprender galego".

Nesta cita anual tamén participaron a subdirectora xeral de Política Lingüística, María Antón; o director xeral de Política Educativa da Consejería de Educación da Junta de Castela e León, Ángel Miguel Vega; e o director xeral de Recursos Humanos da devandita Consejería, Jesús Hurtado.

Na xuntanza tamén se estableceu unha síntese e valoración do Programa do galego no curso 2014-2015 nos territorios estremeiros, valoráronse os datos de centros e alumnado do devandito Programa durante o curso actual -no que máis de 1000 alumnos de ensino primario ou medio están a cursar materias en ou de galego en centros educativos do Bierzo e Sanabria-, e trazáronse liñas de traballo para mellorar a promoción lingüística do galego máis alá do sistema de ensino: nos eidos cultural, social, administrativo etc.

15 anos de colaboración

A colaboración entre as dúas comunidades autónomas en materia lingüística comezou no ano 2001, e foi ampliada en 2006 coa sinatura do Protocolo Xeral de Colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Junta de Castela e León.

O documento, ademais de incluír cuestións de interese común como a educación, as infraestruturas, a sanidade ou o Xacobeo, serviu para ratificar o Protocolo Xeral de Colaboración vixente para a promomción do galego nos territorios de Castela e León en que se fala galego.

O acceso á aprendizaxe do galego é posible nos territorios limítrofes das provincias de León e de Zamora coa comunidade autónoma galega -en concreto, nas áreas do Bierzo e de Sanabria- en preto dunha vintena de centros educativos adscritos ao Programa de promoción do galego posto en marcha pola Xunta de Galicia e pola Junta de Castela e León hai case 15 anos, como medida de promoción do uso e do ensino da lingua propia de Galicia nestes territorios galegofalantes do exterior.

A presenza viva da lingua galega nestas zonas desta comunidade autónoma veciña concédelle un valor transfronteirizo e supón un fito ao converterse nunha lingua cooficial que pode estudarse máis alá do seu territorio.

Valentín García manifestou a súa "satisfacción porque se consoliden estas xornadas que actúan como punto de encontro e referencia da aprendizaxe do galego no Bierzo e Sanabria". Destacou a "boa colaboración existente entre as administracións da Xunta de Galicia e a Junta de Castela e León", ao tempo que lembrou "a importancia de que as familias sexan conscientes das vantaxes que o coñecemento do galego e mailo plurilingüismo supoñen para os habitantes destas comarcas, desde o punto de vista cultural, comunicativo e formativo".

García tamén aproveitou para engadir que "o galego posibilita un mellor entendemento non só con galegos. Esta lingua tan patrimonial destas comarcas veciñas tamén lles permite comunicarse con 250 millóns de persoas de fala portuguesa".