A TVG estrea mañá domingo, ás 15.30 horas, unha nova serie de programas documentais relacionados coa costa galega e as súas xentes. O novo proxecto leva por nome "Ribeiras de salitre" e está dirixido por Xosé Henrique Rivadulla Corcón e o seu equipo de dez persoas de Producións Celtas.

"Son en total -explica Rivadulla- 26 programas adicados a un porto distinto, abarcando toda a costa galega dende A Guarda ata Ribadeo. Durante media hora, ofrecemos entrevistas a persoas que traballan nos portos, persoas de todo tipo como mariñeiros -cos que saímos ó mar- ou xente que desenvolve os traballos na terra como carpinteiros de ribeira, redeiras, policía portuaria, mariscadores, mecánicos navales...".

Rivadulla leva anos adicando o seu esforzo a narrar distintas historias da xente do mar en series como "Salitre e vento" ou a máis reciente: "Náufragos", tamén da TVG.

Preguntado por este querer ó tema, o realizador explicou que "eu, inda que non son mariñeiro, si considero que pertenzo a ese mundo. Son de Muxía, sitio de mar bravo. Alí, moita da miña familia e amigos son mariñeiros. Síntome moi identificado con ese mundo e, a nivel persoal, o programa permíteme estar con xente mariñeira coa que crecín dende neno".

Precisamente, unha lembranza que garda de cativo é a imaxe de como nas tardes de Muxía as mulleres se achegaban tódolos días á ribeira a mirar ó mar e á esperar a que chegaran os homes da pesca.

Hoxe en día, e o programa así o vai mostrar, a muller é unha parte moi activa nas tarefas mariñeiras.

"No mundo do mar -explica Rivadulla- traballa moita muller e ó longo da serie imos ver a moitas embarcadas. Entrevistámolas, ó igual que falamos con redeiras, peixeiras, mariscadoras e moita percebeira".

Nesta primeira entrega, o equipo para en Laxe para entrevistar a sete persoeiros. Laxe é un dos portos da Costa da Morte e o equipo viviuno xa que o sorprendeu un temporal no mar e non puido realizar a gravación como tiña previsto.

En Laxe, falaron co patrón maior, Manuel Villar, home próximo á xubilación quen considera que unha vez o deixe o vai pasar mal. Outra persoa que falará da súa vida e do traballo é Raúl Villar, irmán do patrón maior, mariñeiro e percebeiro que repite como tantos outros que leva o salitre nas veas.

A redeira escollida nesta ocasión é Sonia Neira, tamén armadora; mentres que Jesús Mari Pose, presidente da Cruz Vermella, cociñará caldeirada, un prato típico de mariñeiros. Ademais doutras entrevistas, en cada programa haberá unha actuación musical vencellada ó mar. Nesta ocasión será O tren da unha, formado por mariñeiros que cantan con humor.

O equipo que asina estes capítulos, ademais de Corcón, está formado por Noelia López, Sika Lamas, Alba Sotelo, Noel Queipo, Jaime Fernández, Diego Beltrán, Sara Allú, Oscar Galansky, David Ramos e Yago Torres.