Manuel Cabada (Sabucedo, A Estrada, 1935) é ante todo filósofo pero a súa ampla formación teno levado ós eidos da antropoloxía. O seu último froito intelectual nesta área é o libro Galicia. Raíces e compromiso (Ir Indo) que ben defende Xosé Luis Méndez Ferrín no prólogo ó apuntar que "esta obra serve para obrigarnos a repensar non só Galicia senón a teoría de Galicia que ó longo do tempo se ten ido construíndo en común". O libro preséntano hoxe o autor, Ferrín e o editor Bieito Ledo na Casa del Libro en Vigo ás 20.00 horas.

Os tres eixos da nova obra de Cabada descansan, a modo de capítulos, en unha cultura, un país e unha lingua recollendo non só a reflexión do autor senón doutros anteriores e contemporáneos facilitando neste libro "unha guía informativa co fin último de que os lectores adquiran un "compromiso" coa defensa da causa galega.

No primeiro, unha cultura, trátanse temas como a especificidade da cultura galega, a dispersión da poboación, a terra maila paisaxe, o espírito libre e independente ou a cautela galega.

Na segunda parte, un país, o discurso xira cara o contexto histórico percorrendo as inxustizas das que foi obxecto Galicia ó longo dos séculos e que hoxe en día explican realidades como que o idioma galego siga sendo denostado por unha parte da poboación.

Cabada lembraba onte nunha conversa con FARO como no século XVI, tralo descubrimento de América, os informantes eclesiásticos en Roma sobre a situación galega referíanse ós paisanos galaicos como "os indios de Europa". Esa "imaxe deteriorada dun país" produciuse pola imposición lingüística do castelán por condicións políticas cuxas raigames se atopan na época dos Reis Católicos. "O desprezo polo galego tamén se deu no Século de Ouro cos escritores como Lope de Vega denostando ós galegos que ían traballar a Castela", engadiu para adxuntar que Galicia "ten unha dependencia moi ampla historicamente do centro español, antes mesmo ca Cataluña".

A terceira parte do libro está adicada á lingua falando do prestixio medieval, o desembarco do castelán e o seu posterior poder.