O humorista gráfico de FARO Luís Davila e a agrupación de teatro Migallas veñen de gañar os Premios Xoán Manuel Pintos 2016. A decisión do xurado coñeceuse onte nunha rolda de prensa presidida polo concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña. Os galardóns son convocados polo Concello de Pontevedra e a Rede Amiga da Lingua (REAL) coa finalidade de facer recoñecemento público ao labor de impulso do uso do idioma galego. Ademais, son unha homenaxe ao xurista e escritor Xoán Manuel Pintos, figura central do Rexurdimento e un dos pioneiros no compromiso coa defensa da lingua.

Luís Davila, que naceu en Pontevedra pero pasou a súa infancia en Bueu, foi recoñecido pola súa labor como humorista gráfico e "pola enorme capacidade de comunicación do seu traballo, que consegue achegar diariamente a lingua galega de maneira normalizada a todos os ámbitos sociais e ao público de todas as idades", segundo afirmou Oubiña. Davila é o autor da tira cómica O Bichero, que se publica diariamente en FARO, e que o fixo famoso en Galicia e en boa parte de España e doutros países.