Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As entrevistas do Club FARO

Palmeiro: "A radio é un medio cargado de futuro, cunha relación única con cada oínte"

O xornalista destaca a "absoluta complicidade e comunicación viva" que establece coa audiencia -Xurxo Souto: "O desastre do 'Casón' foi un fito do 'minuto a minuto' en 1987"

Público asistente á conferencia-coloquio no auditorio do Areal. // Ricardo Grobas

"A radio é un medio absolutamente cargado de futuro, con gran capacidade de adaptación ás transformacións sociais e aos cambios tecnolóxicos, capaz de atender as necesidades e demandas dos ambientes mais próximos e de establecer unha relación única e cómplice con cada oínte", asegurou o xornalista radiofónico Xosé María Palmeiro xunto ao locutor e músico Xurxo Souto no Club FARO.

As dúas figuras imprescindibles da historia da radio en Galicia protagonizaron unha charla-coloquio titulada "A radio que vai en nós", con motivo do Día Mundial da Radio que se conmemora hoxe. Defenderon un medio que iniciou o século XXI con "novas posibilidades e con máis forza", segundo o moderador, profesor de Lingua e Literatura Galega e membro de "Ponte... nas ondas!", Santiago Veloso. De feito, o docente lembrou que a asociación foi a primeira en Galicia en retransmitir por internet en 1998. Veloso valeuse para o coloquio da compaña dun transistor; unha radio que ao seu avó lle trouxeran de Brasil e coa que viviu pegado á actualidade mundial desde unha lareira de Salceda de Caselas.

Xurxo Souto, que comezou a súa intervención cantando -e que adicou varias letras populares ao seu relato- reflexionou sobre a maxia da palabra na fórmula radiofónica. E, dese mundo no que os oíntes se poden converter en protagonistas lembrou unha entrevista cun maquinista de Coia, que pintaba nos barcos e chegou a facer unha exposición alén de Terranova ou a duns gaiteiros de Hío que gravaron un disco a bordo dun barco no Gran Sol.

"A radio é como un altar laico onde se oficia a palabra cada día", asegurou Palmeiro. Para el "a radio segue a ser o único medio de comunicación, por enriba das redes, que establece unha comunicación directa, viva e próxima" coa audiencia. Cada día escoitan a radio en Galicia 1,250.000 persoas, que dispoñen dun dial moi poboado, dunhas trescentas emisoras en Galicia e 3.500 no total español.

Era unha materia obrigada falar das novas tecnoloxías. Como xa adiantara na súa presentación Santiago Veloso, "a radio chega ao século XXI reinventándose nos seus formatos aproveitando a aparición de novos medios como internet. A radio 2.0 é xa unha realidade". Nese mesmo punto, o xornalista e exdecano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Xosé María Palmeiro, asegurou que "a radio da era dixital, da omnipresenza de internet e a multiplicación de soportes e, sobre todo, de pantallas na "aldea global", segue tendo na aldea, no máis próximo, o seu maior reto". "A radio da comunicación ampliada, as novas aplicacións tecnolóxicas e a proliferación de vías de distribución de sinais desde o espazo continúa tendo o desafío de contar da mellor forma, desde a cabal independencia e profesionalidade, o que pasa no universo local, presentando co mellor estilo posible noticias e programas".

Pola súa banda o cantante, acordeonista, escritor e locutor radiofónico Xurxo Souto -foi subdirector da Radio Galega, emisora na que dirixiu programas de grande éxito- puxo o exemplo do desastre do Casón en 1987 que se incendiou fronte ás costas galegas. A radio pública galega foi xa daquela un modelo que "deu parte minuto a minuto", adiantándose ao modelo que hoxe empregan outros portais audiovisuais. Tamén e como garantía de futuro, Souto defendeu que "a radio aliméntase dun elemento fundamental do xénero humano que é a palabra".

Ao respecto da proposta da UNESCO para hoxe, Día Mundial da Radio, que é abordar a radio en tempos de desastre e emerxencia, os expertos radiofónicos aseguraron: "Esa radio, de recoñecidos servizos á cidadanía en tempos de desastre e emerxencia cooperando activamente na solución e tamén na prevención deses problemas, esa radio que informa, conta, canta e acompaña, é a radio que vai en nós", segundo Palmeiro. "A radio cómplice de sempre, a cercana radio da liberdade, é a radio do século XXI", concluíu.

Pola súa banda, Xurxo Souto fixo referencia a Palmeiro, no tempo de Radio Popular, como "a voz da ilusión logo da ditadura" sendo uns dos pioneiros da radio feita en galego. Primeiro COPE Vigo e logo Onda Cero Galicia ocuparon case a metade da traxectoria profesional do polifacético xornalista nacido na Mariña lucense. "Esa radio, que ten entre nós pouco mais de 80 anos, afronta neste tempo como todo o sector da comunicación, carencias e dificultades. Terá problemas de crecemento e financiamento, pero está chamada a durar como depositaria da palabra, do verbo, da expresión dos máis íntimos latexos da condición humana", finalizou.

Compartir el artículo

stats