O que fora presentador do popular programa "Aberto por reformas" da Radio Galega, Xurxo Souto, fixo unha louvanza da radio pública porque entre outros valores, "espalla a cultura e desenvolve a identidade do país". "Hai que mimala", defendeu, "porque ás veces trátase con certo desleixo". Falou da época do nacemento do ente público, que significou toda unha revolución e defendeu aínda hoxe varios formatos da mesma "aínda que teña eivas".

Esa radio pública como gran motor da cultura galega deixou varias lembranzas que repasou no Club FARO. Entre elas, o boom de grupos de diversos musicais que empregaron o galego nas súas letras. "Fóra da imaxe tópica de que o galego so serve para a música tradicional ou folk, lembro que me dixeron que non había grupos en galego abondos para encher unha hora diaria ", comentou, "e o problema ¡é que sobraban grupos cantando en galego!". Descubrir o potencial da música galega foi un dos recordos dos seus programas.

Pero Xurxo Souto relatou tamén algunhas anécdotas das súas orixes na radio, desenvolvendo un programa na Ser na Coruña "A tropa da tralla". "Ese programa permitiume descubrir Vigo desde A Coruña e creo que no fondo son cidades parecidas. A Coruña non é so centro, senón o barrio de Os maios, de Montealto, Os Castros... E tamén está o Vigo de Teis, de Beade ou de Lavadores". Por todo o citado, o músico e locutor quixo propoñer unha serie de "encontros de diálogo entre Vigo e Coruña". "Por que as dúas cidades con máis poboación de Galicia non teñen un foro de diálogo directo?", se preguntou. A forza da palabra na radio podería servir para ese foro de diálogo, concluíu.