Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Rodríguez: "En 1906 roubaron na catedral de Santiago a xoia máis antiga e querida"

"A cruz de Afonso III o Magno nunca foi recuperada e o estraño é que a prensa lle dera tan pouca importancia e atribuira o roubo a ladróns comúns", di o escritor

Perspectiva do público asistente á charla no auditorio vigués do Areal. // Ricardo Grobas

"A noite do 5 ao 7 de maio de 1906 roubaron do retablo da capela das Reliquias da catedral de Santiago a denominada como "cruz de Afonso III o Magno",a ofrenda máis antiga coñecida ao apóstolo e -todo o indica- o elemento catedralicio máis admirado polos peregrinos, tras as reliquias apostólicas. Nunca foi recuperada e o estraño é que a prensa aludise en 1906 ao roubo da cruz como atribuíble a ladrón comúns"..

Deste xeito plantexaba onte no Club FARO Manuel F. Rodríguez, doctor en Ciencias da Comunicación,técnico cultural do Xacobeo na Xunta e autor de varios libros sobre O Camiño de Santiago, o eixo da súa conferencia sobre "O gran roubo do século XX na catedral de Santiago: a cruz de Afonso III". Presentador por Rosa Pascual catedrática de Historia no IES Proval de Nigrán, o especialista xacobeo, reciente autor da novela "A viaxe á fin do mundo" (Bolanda Edicións), describiu á misma como "unha cruz de estilo grego, con brazos trapezoidais do mesmo tamaño converxendo nun disco central, de ouro e pedras preciosas sobre unha base de madeira. Ofrendáraa ao apóstolo Santiago o devandito monarca nunha peregrinación desde Oviedo no ano 874".

"Crese que a xoia -dixo- , de 46 x 46 cm, se depositou ao pé do suposto sepulcro apostólico, no que hoxe é a cripta baixo o altar maior. Aí se mantivo ata que no século XII se clausurou todo acceso ao sepulcro, pasando a mostrarse sobre un pedestal no altar maior, entre outros posibles emprazamentos, un deles talvez inmediato ao actual Santiago do abrazo. Xa no século XVII, a cruz incorporouse ao retablo da capela das Reliquias, creada para acoller nun mesmo espazo todas as reliquias espalladas pola basílica. Supónse que a cruz se levou á este espazo porque nalgún momento do século XVI ou comezos do XVII se lle superpuxo un crucifixo de ouro cunha reliquia do Lignum Crucis".

Salientou o experto que resulta tan innecesaria como estraña e singular esta superposición, xa que ocultou en gran parte, desde ese momento, a que fora a ofrenda máis antiga coñecida ao apóstolo. Esta operación de ocultación, que obrigou a cravar o crucifixo sobre a cruz, danou a peza gravemente, como antes e despois a danaron os furtos que sufriu ao longo dos séculos de case todas a súas xemas -en orixe, 79-, e de parte do disco e as láminas de ouro.

"Desde tempo inmemorial -explicou- esta cruz convertérase nun símbolo para os peregrinos ultrapirenaicos, o que se confirma en referencias escritas dos propios peregrinos e ata nalgunhas imaxes conservadas por Europa dos séculos XV ao XVIII. O interese dos peregrinos por esta cruz única mantívose cando se colocou no retablo da capela das Reliquias -talvez por ser soporte do Lignun Crucis-, xa que este espazo estivo reservado só a eles durante moitos anos".

Dixo Rodríguez que esta capela, ao acumular todas as reliquias do templo e os seus relicarios, dispoñía dun patrimonio de enorme valor histórico-artístico e material. "Por iso estraña que a prensa aludise en 1906 ao roubo da cruz como atribuíble a ladróns comúns. Sorprende por, entre outras, dúas razóns: Unha, porque a cruz estaba moi deteriorada -case sen xemas e con escaso ouro- e non era, nin con moito, a peza da capela de máis valor económico, malia ser a de maior valor simbólico. Dous, porque a prensa coincide en indicar que o/os autor/es do roubo levaron outras pezas do retablo. Non obstante, pronto se evidenciou -aínda que o tema se deixou pasar- que máis nada se subtraera, malia os relicarios de moito máis valor material cá cruz que alí había".

O técnico cultural puxo dous exemplos dese tempo -o de 1906/1921- "tan paradoxal e interesante": O primeiro, a prensa en ningún momento alude en 1906 á riquísima historia da cruz en relación coa peregrinación. "Chega ao punto -matizou- de citala como o soporte do Lignum crucis ou simplemente como "unha cruz", sen outorgarlle máis identidade, máis valor. Tampouco se encontran textos dedicados -e iso que consultei a fondo- ao Camiño de Santiago".

O segundo exemplo: Mentres isto sucede en Santiago, Galicia e España -as excepcións son mínimas- en Europa -especialmente en Francia, Alemaña e Reino Unido- nacen os primeiros estudos xacobeos. "Descobren estes o valor inxente do Codex Calixtinus, as primeiras sendas de peregrinación a Santiago por outros países e achegan, entre outros exemplos, o primeiro libro -en tres tomos- que estudará o Camiño de Santiago como un espazo único entre Francia, Santiago.

Compartir el artículo

stats