Deste singulares feitos históricos parte a trama da novela de Rodríguez, "A viaxe á fin do mundo", protagonizada por un xornalista -personaxe de ficción inspirado no mundo xornalístico compostelán de primeiros do XX- que se ve implicado, sen pretendelo, nas consecuencias do roubo tras unha información que redacta sobre o suceso.

"Estas consecuencias -dixo-continuarán en 1921 cando arde -de novo se trata dun feito histórico- de xeito excepcional, sen que se coñeza un antecedente semellante na catedral, o retablo das Reliquias, no que se mostrara a cruz ata o roubo. Era o mellor retablo da catedral e a capela das Reliquias a máis vixiada, sobre todo tras o sucedido en 1906".

O fondo da novela, que se prolonga ata 2006, centenario do roubo e da ausencia da peza que provocará un renacer de vellos esquecementos e misterios, constrúese sobre un contexto histórico real, o de 1906-1921. Nel coinciden o momento compostelán máis estremo de esquecemento da antiga peregrinación xacobea europea cos primeiros síntomas en Europa da súa recuperación. "Trátase -explicou- dunha recuperación a un nivel aínda culto e minoritario, que se fará evidente a gran escala, coa volta ao Camiño dos peregrinos europeos desde a segunda metade do século XX, e especialmente nas dúas décadas finais".

No contexto descrito conviven na novela unha serie de personaxes -algúns deles reais- de variada procedencia, cuxa relación directa e indirecta coa remota cruz dos peregrinos, provocará todo tipo de revelacións e buscas. "Por certo, -dixo- está previsto que a réplica que da cruz roubada fixo o Xacobeo en 2004 - de gran calidade- pase a mostrarse en breve no novo Museo das Peregrinacións de Santiago".