Logo de recibir o premio San Clemente por "Fillos do mar", o escritor, que agora vive en Cataluña, fai un bis con "A memoria da choiva". O vigués bromeaba onte con que os estudiantes o someteran a un "terceiro grao" no encontro. O mesmo ton de bo humor mantén na entrevista.

-Que é o máis difícil que lle preguntaron os rapaces?

-Se tivese que volver a escribir a novela que cambiaría, o que me deixou en branco, e a que adicaba o tempo libre, coma se fose José Luis Perales.

-Ao segundo sería doado respostarlles...

-Decateime de que no meu tempo libre veño aquí. Creo que levo unha vida social un pouco triste ultimamente. Escribo, escribo e escribo e nos ratos libres repaso o que escribín, ou sexa, un desastre.

-Vai a premio San Clemente por entrega...

-Cando me nominaron por esta aínda non sacara a terceira. Creo que lle dixen a Bragado "non a saco, déixoo así, un pleno, dúas de dúas, mellor retirarse no alto".

-É dos que aprecia moito este galardón?

-Os dous premios aos que máis aprecio lle teño na literatura galega son o Xerais, porque é un premio totalmente limpo, transparente e honesto, e este, polo que representa. Dinlles os lectores de mañá pero xa teñen un criterio lector que se vai facendo. O que pasa é que teñen toda a vida por diante, teñen moita máis proxección, así que que esta xente che dea un premio é unha alegría enorme porque é a que está marcando por onde vai o futuro.

-Que tal a saúde da literatura galega?

-Véxoa ben. Por suposto que hai cousas que lle faltan e cousas que se poden mellorar, pero iso pasa en todas as literaturas. Se hai algo que realmente lle sobra á literatura galega é o pesimismo e todas as voces que permanentemente parece que se dediquen sistematicamente a cortar cabezas. Toda a xente que marca "isto non se fai", "isto non é propicio para as nosas letras", todo iso sobra. Porque se realmente temos unha cultura forte, unhas letras fortes e un sistema literario forte ten que haber de todo.

-Non só novela decimonónica...

-A iso vou. Ese desprezo que hai polos best-sellers paréceme dunha arrogancia insoportable. Durante tempo vendéronnos a historia aquela de que a literatura galega sobrevivía grazas á lectura militante, pero eu puiden descubrir, primeiro vendo as obras doutra xente e logo porque me pasou a min, que aí fóra hai lectores que se contan por decenas de milleiros e están aí, dispostos a ler, e non teñen problema por ler en castelán e en galego. Paréceme cojonudo que haxa best-sellers, pero que tamén un día aparezan na lista dos máis vendidos libros de cociña de Benigno Campos, que de repente sexa noticia o último ensaio de Jorge Mira, por exemplo, ou que Ledicia Costas estea renovando de maneira tan brutal e sen complexos a literatura infantil e xuvenil deixando de tratar por fin aos rapaces coma se fosen idiotas. A min iso alégrame moitísimo e se iso pasa é que hai algo bo, que se está movendo, e que haxa libros que teñan ata dez edicións pode ser unha alegría e quen proteste contra iso é tonto perdido.

-Con que factor debe contar un novelista do do que non poida prescindir?

-Eu, como lle dicía aos rapaces, só sirvo de exemplo como mal exemplo, así que non sei se poderei sentar moita cátedra sobre iso. A min o que me deu a vida neste traballo sempre foi a consciencia de que do outro lado había un lector que a priori estaba disposto a falar contigo. Para min sempre é determinante falar con ese lector. Para min a literatura é un diálogo constante entre dúas partes que non poden existir unha sen a outra, así que se hai algo que para min sexa fundamental é a capacidade para empatizar co lector.