TVG estreará o vindeiro martes 12 de xaneiro, ás 22 horas, "A Vide de Cachín". Este non é un programa que fala de só de viños ou dos adoradores de Baco. Os protagonistas son os galegos e as galegas que se dedican profesionalmente ou de xeito altruísta a facer viños.

Un deles é Cachín. César Enríquez, na súa adega, elabora un dos mellores viños de España e un dos preferidos de Barack Obama para as súas celebracións. De feito o seu viño estivo presente nas tres últimas edicións da Gala da Hispanidade na Casa Branca.

"A vide de Cachín" é un programa duns 30 minutos para a Televisión de Galicia no que coñeceremos os segredos do viño, as curiosidades, as diferentes Denominacións de Orixe, os adegueiros, os enólogos e todo canto teña que ver cos viños do noso país. Pero tamén no que recibiremos consellos da man do Director Instituto Galego do Viño, Xoán Cannas, quen ademáis levará a diferentes famosos a unha divertida cata a cegas na que poñerá a proba os seus coñecementos sobre os nosos caldos.

Este formato creado por Os Padriños para Celtavisión, está coprotagonizado e dirixido por Víctor López. No seu papel de neófito neste mundo da enoloxía tratará de maridar un prato da nosa gastronomía cun viño que conseguirá grazas a axuda dun dos nosos adegueiros. A dinámica do espazo permite que o espectador vaia coñecendo o ciclo vexetativo da vide cunhas doses de humor que garanten o entretemento.

No primeiro capítulo Cachín encóntrase na súa finca co seu amigo Vitiño e xuntos comezan a facer a poda en seco. Unha amiga de Cachín, a viguesa Inés Abril, cociñará uns mexillóns para os traballadores da vide. Entrementres, Xoán Cannas, o sumiller, dará un consello sobre a temperatura axeitada para tomar un viño. Logo de ver a teoría e a práctica sobre a poda, preguntarase á xente da rúa que é un bago? Unha cata a cegas coa presentadora Silvia Jato e unha visita a adega Terras Gauda (Rías Baixas), formarán parte tamén deste primeiro día.