No remate da súa conferencia, Fermín Pérez Losada abordou a controvertida cuestión do topónimo antigo de Vigo, cal foi o nome co que foi coñecida a cidade durante a Antigüidade. Apostou por Vicus Helleni, Aeleni ou Elanei, e dixo que a denominación Vicus Spacorum "é incosistente".

Explicou que esta denominación de Vicus Spacorum débese a un erro na indentificación das vías XIX e XX do Itinerario de Antonino. "Nas mansións da vía XX, a seguinte despois de Tude sería Spacorum -dixo-, pero ninguén acepta agora ese trazado da vía XX". O Spacorum correspondería aos indíxenas pocori, da zona de Noia. No coloquio, un membro do público replicoulle a Pérez Losada que o historiador José Manuel Roldán Hervás, especialista nas vías romanas, sí admite que a vía XX pasou polo actual Vigo.

Burbida

A polémica cuestión do nome, non semella, nin moito menos, pechada para os investigadores. O conferenciante citou tamén o artigo do arqueólogo vigués Manuel Santos Estévez sobre o nome do Vigo romano, no que defende a hipótese de que a Burbida do Itinerario Antonino estaría situada en Vigo. Este artigo foi publicado na Revista de Arqueoloxía e Antigüedade "Gallaecia", da Universidade de Santiago de Compostela.

Referiuse tamén á denominación Turonium das crónicas de Hidacio, correspondente á máxima expansión do conglomerado, nos séculos V e VI.

No obstante, aclarou Fermín Pérez Losada, "o topónimo Vigo probablemente derive do Vicus altomedieval, de Santiago de Vigo, nos séculos IX ou X, non da época romana".