Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Lingua e literatura galega

Xosé Ramón Pena, no Club Faro: "As letras galegas están en pé de igualdade coas europeas"

"¿Cando a literatura galega non foi europea?", afirmou o catedrático de Lingua e Literatura Galega

Xosé Ramón Pena (esquerda) foi presentado polo ex presidente da RAG, X. L. Méndez Ferrín. // José Lores

"Non é unha broma, é unha feliz realidade: cando queiran ler vostedes literatura europea, lean, naturalmente, a autores franceses, italianos, ingleses... pero non deixen de ler autores galegos: antes de que a Unión Europea existise, nós xa formabamos parte dela por dereito propio. Seguimos a facelo". Eso afirmou onte no Club FARO o catedrático de Lingua e Literatura Galega Xosé Ramón Pena, director do Faro da Cultura.

"Mitos e realidades na historia da Literatura Galega" foi o título dunha charla que lle presentou o escritor Méndez Ferrín e na que dixo que "un dos mitos que, infelizmente, circula en determinados círculos e que mesmo nalgunha ocasión parece querer socavar incluso os posicionamentos dalgunhas persoas que, polo xeral, teñen unha visión despreuizida, e rigorosa, de cal é o estado das nosas letras , sinala que a literatura galega acaso teña algúns autores de valor, teña mesmo razón de ser como unha forma artística de defensa da nosa singularidade, como unha demostración da propia existencia do idioma e do país galego, pero é unha literatura local, doméstica -cando non domesticada-, unha literatura de resistencia, incluso... pero non unha literatura realmente maior, unha literatura adulta e plenamente inserida na historia xeral da literatura europea ou occidental".

Hai xa anos, o infelizmente desaparecido Luís Mariño -quen foi como moitos lembrarán director de Edicións Xerais e sempre un nome inesquecible na configuración da nosa cultura escrita- foi abordado por un certo interlocutor que lle espetou: "Claro, Luís. Usted, como galleguista, lo que le gusta mucho es la literatura gallega". Mariño foi raudo na resposta: "Está trabucado vostede. A min o que realmente si me gusta é a litetatura europea". "La literatura europea? No me diga? Por ejemplo, qué autor?" "Pois por exemplo -retrucou á súa vez Mariño- X.L. Méndez Ferrín".

Pero, con todo, a pregunta -insistiu Pena- , o mito, pode continuar en pé: "De acordo: Ferrín, como Rosalía, si, pero... e os demais? "A historia das letras galegas é a historia dunhas letras en pé de igualdade con esoutras francesas, italianas, catalás, en alemán, inglés...? Podemos aceptar -din esas voces- que, por exemplo, na Idade Media a literatura galega (galego-portuguesa si queren), a nosa literatura medieval si que alcanza a condición de europea, universal... pero sempre referida ao ámbito da lírica. En efecto, mesmo os máis reticentes a aceptar os nosos valores, teñen que admitir, vense obrigados a iso, cando lles poñemos diante os textos de Paio Gómez Charinho, de Pero da Ponte, de Fernand'Esquío, de Airas Nunez, Pero Amigo".

Di Pena que "tal apreciación -acertada- dispón, incluso en mentes comprometidas coa galeguidade, un segundo mito: "Galiza é un país lírico". O que equivale a dicir, coa lingua pequena, a boca pechada, que non somos un país onde floreza a prosa. Ben, é certo que nos anos 30, e logo na posguerra, axeitouse entre nós unha escola, dirección poética (aínda que, en realidade e ao meu ver, polo menos, é necesario facer distinción entre máis dun neotrobadorismo; para min, resulta ben diferente o que artellou, dunha parte F. Bouza Brey, doutra Cunqueiro e doutra autores como Filgueira Valverde, Álvarez Blázquez...), unha dirección poética, como digo, de índole neotrobadoresca. Esto é verdade pero non é certo en absoluto que non teña peso na prosa".

"Foi o poeta francés do século XIII Jean Bodel -dixo- quen sinalou que as temáticas dignas de ser tratadas viña ser tres, tres materias: a materia de Bretaña (ou materia artúrica); a Materia de Francia -os cantares de xente- e a Materia de Roma (os relatos da Antigüidade clásica).Desde logo, se hai unha temática universal que se prolongue no tempo deica aos nosos días, velaí a denominada materia de Bretaña ou ciclo artúrico".

"Havey L. Sharrer, Santiago Gutiérez García, Pilar Lorenzo Gradín teñen demostrado que os relatos do mundo artúrico comezaron a difundirse entre nós xa a fins do século XII, que é o do gran difusor desa temática, Chrétien de Troyes, ou, todo o máis, a comezos do seguinte. Hoxe, en galego-portugués temos, felizmente, mostras vivas desa presenza. Pero tamén na materia de Troya temos no século XIV a versión galega. A prosa galega medieval participaba plenamente das modas literarias que pecorrían a Europa do seu tempo... Polo tanto acaso mellor que preguntarnos cando a literatura galega foi europea tal vez haxa que reformular a pregunta e demandar cando non foi".

Compartir el artículo

stats