'O Bombeiro Galego', primeiro manual de oposicións do sector en lingua galega
Pretende deste xeito fomentar a elección deste idioma nos exames entre os aspirantes a funcionarios
sara fontenla | A Estrada
A Xunta de Galicia vén de presentar o que se definiu como o primeiro manual preparatorio de oposicións a bombeiro en lingua galega. Así o explicou onte o secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Valentín García, que se desprazou pola tarde ata as instalacións da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) ubicadas no Concello da Estrada para dar a coñecer publicamente este documento. Durante a presentación, García estivo acompañado por dúas persoas que, segundo se explicou, foron fundamentais á hora de levar a cabo este proxecto: o autor do propio manual, Gerardo Fernández, e a directora de Andavira, editorial que publica os volumes, Lucila Ventoso. Ademais, o acto estivo presidido por outras personalidades como o director da propia Agasp, Luis Menor, o xefe de servizo de Emerxencias e Protección Civil, Antonio Rodríguez, e o tenente alcalde da Estrada, Juan Constenla.
O secretario xeral expresou a súa satisfación pola publicación en galego do primeiro manual de bombeiros de Galicia e indicou que "cómpre que a nosa lingua propia estea presente en todos aqueles ámbitos e actividades que se desenvolvan na sociedade galega do século XXI e, particularmente, que se asocie a proxectos pioneiros nun espazo tan importante coma o da administración pública". Cre que este é un paso importante para fomentar o uso do galego nun eido "no que até agora non era habitual". Neste senso cabe sinalar que o documento está avalado pola propia Xunta.
García tamén avanzou que o manual está á venda dende hoxe en librarías e editoriais especializadas en libros técnicos. Con posterioridade tamén estará dispoñible en formato dixital na rede. Por último, aproveitou para gabar o "traballo intelixente" do autor, Gerardo Fernández, que adicou "case tres lustros do seu tempo á elaboración e redacción desta obra necesaria, útil e magnificamente traballada". Recoñeceu así a importancia da implicación da cidadanía e da empresa privada na promoción e no avance da lingua galega, ao tempo que comprometeu neles os esforzos do departamento de Política Lingüística.
Pola súa banda, o director da Agasp, Luis Menor, agradeceu a labor levada a cabo tanto polo autor do temario como a aposta realizada pola editorial e definiu este proxecto como "unha iniciativa pioneira que non ten obras de referencia". Ademais, destacou que a consulta deste documento será posible en todos os parques de bombeiros públicos e avanzou que irán sendo actualizados conforme evolucionen as esixencias requeridas.
Tamén tiveron palabras de agradecemento os protagonistas desta iniciativa respaldada pola administración autonómica. Así, Ventoso fixo fincapé na importancia de apostar por este tipo de proxectos que defenden o uso do galego no eido universitario e en ámbitos técnicos. Deste xeito, o manual pretende fomentar entre os aspirantes a funcionarios a elección da lingua propia da comunidade á hora de realizar as probas selectivas. Pola outra banda, Gerardo Fernández dou as gracias a todos os presentes pola confianza depositada nunha obra que comezou, segundo el mesmo detallou, coa sua propia experiencia persoal, cando preparaba oposicións ao corpo de bombeiros. Disto fai xa nove anos, o tempo que el leva tamén velando por manter os temas actualizados permanentemente.
O bombeiro galego
Así, baixo o título O bombeiro galego. Temario e cuestionarios, o documento recolle ao longo de dous volumes un compendio de temas teóricos extraídos das últimas bases das oposicións das cidades galegas que contan con servizos públicos de extinción de incendios: Vigo, Santiago de Compostela, Ferrol, Ourense, Lugo e A Coruña. Ten unhas 750 páxinas e un total de 30 temas, dos cales oito contemplan os apuntamentos en materia de lexislación e o resto agrupa unidades máis específicas.
Así, no primeiro libro contémplanse temáticas relacionadas coa natureza do lume, a auga, extintores, axentes extintores, pezas de protección, equipos de protección respiratoria, mercadorías perigosas, sinalización do ADR e incendios urbanos. Dende a Xunta indican que se trata de material puramente preparatorio e orientativo para aquelas persoas que desexen formar parte dos servizos de extinción de incendios en Galicia.
O segundo volume céntrase exclusivamente no temario específico sobre incendios industriais e forestais, equipos de detección e medición, material de rescate e evacuación, vehículos contraincendios, elementos estruturais dun edificio, definición e clases de electricidade, primeiros auxilios, construción e incendios, apeos e apontoamentos, explosións, detonacións e deflagracións ou salvamento en ascensores e protección civil. Un amplo campo de coñecementos que nace coa vontade de marcar unha referencia en canto a vocabulario específico en lingua galega.
Cren así que os aspirantes a funcionarios se poderán animar máis á hora de opositar na lingua autóctona. Ademais, a iniciativa pretende estar tamén ao alcance de todos os bolsillos, pois o seu autor destacou que o manual completo sae á venda con un custe menor de 50 euros, fronte aos 60 ou 70 que se soen abonar por outros libros similares.
- Rueda, sobre la manifestación de hoy en Vigo en defensa de la Sanidade Pública: «Van por otro lado de lo que siente la mayoría»
- Muere abrasado por las llamas en el interior su vehículo en Redondela
- Una prórroga al sistema y a Televisión Española
- Vuelve a cambiar el precio de la bombona: esto es lo que costará a partir del martes
- El Celta lleva al límite al Madrid, pero contra 12 no puede
- Última llamada de auxilio de la protectora: «Los perros no salen a pasear desde octubre»
- Una mujer divorciada recurre al Constitucional para evitar que ella y su hijo sean desahuciados
- Fallece en plena calle de un infarto en Oviedo después de que la ambulancia que iba a socorrerle se accidentase