Unha lingua para facer as beiras na rede
Unha moza pontevedresa gaña o primeiro premio do certame de declaracións de amor en galego da Xunta
Santiago
Atrás quedaron as cantigas de amigo, auténticos versos de amor do medievo, escritas en galaico-portugués. No século XXI xa non se invoca ao namorado escribindo cunha pluma nun pergameo, senón que se lle envía un whatsapp ou unha mensaxe ao Facebook ou a Twitter e a maior parte das veces en castelán. O galego esmorece entre as novas xeracións, esváese nas redes sociais e cada vez pronúnciase menos a palabra "quérote". Para arranxalo a Xunta vístese de celestina na búsqueda dunha reconciliación entre a lingua e os máis novos. Con ese fin convócanse cada anos os premios "Lingua de Namorar" entre rapaces de entre 14 a 19 anos.
Son declaracións de amor curtas, preparadas para ser transmitidas na rede, de non máis de 350 caracteres. Durante tres semanas os mozos votan aquelas frases que máis lles gustan e despois un xurado elixe entre as 50 máis votadas ás seis gañadoras. Nunha cerimonia celebrada onte na Cidade da Cultura, en Santiago, entregáronse os galardóns ás seis premiadas, todas mulleres. Os obsequios que reciben van dende unha cámara somerxible, unha videocámara, unha tablet, un disco duro ou unha tarxeta regalo Spotify Premium de 6 meses.
A poetisa Yolanda Castaño foi a encargada onte de guiar a cerimonia de entrega de premios na que o cantautor Manoele de Felisa interpretou, acompañado da súa guitarra, as declaracións de amor gañadoras. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o director xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro, e a directora-xerente da Cidade da Cultura, Beatriz Loroño, presidiron o acto e fixeron entrega dos premios aos gañadores do certame.
Na categoría de participantes máis novos (de 14 a 19 anos) resultou gañadora unha pontevedresa, Marta Gómez Martín, que ademáis acudiu ao acto vestindo unha camiseta coa lenda "eu son de lingua galega". A sua declaración de amor é tamén a historia dunha conversa "Eu era atea ata que te coñecín e non souben a quen darlle as grazas". Esta enxeñosa frase valeulle non só unha cámara somerxible senon tamén una actividade de aventura para dúas persoas.
No amor todo vale, mesmo o egocentrismo. Foi o caso da segunda premiada entre os máis novos, Saray Díaz (de Narón), que se fixo unha declaración de amor a si mesma: "Por primeira vez tirei os dados e saíron impares. Atrás quedaban as historias de sapos sen fadas. De fronte topeime co meu reflexo sobre un leito de narcisos e anestesiei os sentidos. O eco envexoume e emprendeu un voo case músical: quérome".
Aínda que non chegou a tempo para recoller o premio porque estaba nun exame, Sabela Dominguez (de Verín) gañou o terceiro galardón por: "Decidín asimilarte con cancións... E agora es o meu ritmo de vida".
Na categoría de mozos de entre 20 a 35 anos o primeiro recoñecemento foi para unha rapaza que lle cantou aos polos opostos. "Copérnico fará que non saian as estrelas esa noite. Mendel, que os nosos caracteres non sexan compatibles. Murphy arruinará todos os minutos xunto a ti. Ti tan xullo e eu tan decembro. Ti risco, eu cabeza. Quizais sexa verdade que os polos opostos se atraen. Porque lonxe das nosas imperfeccións, o mundo é desgrazadamente perfecto", foi a declaración de amor de Aitana Iglesias (Narón).
A meteoroloxía inspirou o segundo premio, que recaeu en Sonia Varela (Arteixo): "Digo sarabia cando lembro o teu cabelo nas madrugadas do inverno; digo solpor cando imaxino o teu calcañar pisando a area; digo xeada cando deixas inmóbil o meu corazón; digo lóstrego cando me cravas no profundo das túas meniñas; digo tempestade cando espero baixo a túa fiestra cun paraugas nunha man e un quérote na outra".
Por último o terceiro galardón desta categoría foi para a declaración de amor de María J.Chao (Ares), que se sinte pequeniña ante o seu namorado: "Coma unha folerpa de neve, que se perde entre os montes brancos dos picos máis altos. Coma unha pompa de xabón nun mar de escuma. Coma unha única nota, que pasa desapercibida na mellor canción. Coma un suspiro perdido no aire que respiras. Coma unha única persoa perdida entre unha chea de xente, así me sinto, así estou, así me vexo eu... ti non".
- Primeras palabras de 'El Cordobés' sobre la separación de Virginia Troconis: 'Ahora estoy con...
- «Vivo con la angustia de si va a conseguir salir para quitarse la vida»
- La borrasca Éowyn supera las previsiones en Galicia: ya se registran vientos de más de 170 kilómetros por hora
- Remolcado un portacontenedores que se quedó sin motor a la entrada de la ría de Vigo
- Muere una mujer de 89 años en un incendio en su casa en Porriño
- Una deuda de 215.000 euros ahogó la segunda vida del clásico restaurante Follas Novas de Vigo
- La familia Armada acelera la venta del histórico astillero por cuatro millones
- Qué es el mieloma múltiple, el cáncer incurable que sufría el presentador de TVG Xosé Manuel Piñeiro