Santiago Cortegoso é actor, director de escea e dramaturgo. Coa súa compañía, Ibuprofeno Teatro, produciu "A filla de, Woody Allen", finalista Premios Max 2011 ao Mellor Texto en Galego. En "Raclette", a obra gañadora, senta na mesma mesa a cinco personaxes que non se coñecen entre si pero que teñen moito en común para construír dúas historias paralelas que transcorren en tempo real. O escritor toma este título do vocábulo que designa unha forma de comer en comunidade inventado polos pastores suízos para burlar o frío da montaña e que trae á vida da cidade.

-De que se fala nesta "Raclette"?

-Toda a obra xira en torno a unha cea de cinco personaxes, da súa forma de ver o mundo. Estes constitúen un mosaico da sociedade actual e do seu universo. É unha obra que trata de asuntos sociais e tamén universais, como a morte, moi presente, a maternidade, a parella, o amor, o sexo. Tamén fala do legado que a sociedade está a deixar: se estamos a crear persoas ou energúmenos. Os temas sociais son unha constante na miña obra, que fala desa relación entre o máis íntimo, o que queremos, e como a sociedade nos condiciona. É unha obra con moita dificultade porque empeza e remata en tempo real e que en realidade conta dúas historias paralelas porque na mesa están sentadas cinco persoas, pero só se relaciónan entre si tres por un lado e dous por outro. Ningunha se coñece, pero a medida que avanza vaise descubrindo que teñen moito en común. Ten algo de thriller.

-Como está a situación para o dramaturgo?

-Moi complicada porque o sistema teatral o está e isto nos afecta. Por iso, un dos grandes recursos que temos é gañar estes premios porque che dan visibilidade e a posiblidade de que a túa obra se represente.