O undécimo programa da nova tempada de Ribeiras emítese este serán na Televisión de Galicia (TVG). Ás 20.00 horas arranca o capítulo deste espazo, que adoita a facer un percorrido polas ribeiras de Galicia, para contar a vida das xentes que viven e traballan nas vilas mariñeiras, nos portos e peiraos, nun lugar que popularmente se coñece como a ribeira.

Hoxe o programa visitará un mar moi musical, que agarda en Laxe, unha ribeira onde existe un grande interese pola música. O capítulo está dedicado aos compoñentes do grupo" O tren da unha", e todos, dunha maneira ou outra, están vencellados ao mar, e son moi de Laxe, unha ribeira sen dúbida orixinal, que sabe levar con optimismo vivir enfrontados a un mar tan bravo.

O grupo está formado por. Manel Toja que xa está retirado pero foi mariñeiro toda a súa vida, Suso Pose que é presidente da Cruz Vermella de Laxe, Victor García profesor na escola municipal de música, Ton Mosqueira que é maquetista naval e ten unha tenda de artesanía. e Javier Cundíns que é coordinador do 112 de Laxe.

No programa dáse a coñecer a actividade do grupo e varias das súas cancións, pero tamén a actividade profesional e a vida familiar de cada un dos seus membros. Veremos como na música de "O tren da unha" hai un sentido homenaxe aos homes e mulleres que traballan o mar.

Tamén chegarán a Fisterra, onde recibe ás cámaras un forte temporal e captan como os homes e mulleres desta fin do mundo están afeitos a esta realidade. Homes e mulleres desta ribeira que levan séculos atopando a felicidade fronte a este bravo mar. En Fisterra o programa da a coñecer o traballo e a vida de tres mergulladores que se dedican a captura de navalla e longueirón, Luís López, Miguel Ledo e David López. Unha actividade moi importante nesta ribeira, que é unha das pioneiras en Galicia na extracción destes produtos.

Cos tres mergulladores sairán ao mar para coñecer como se extrae a navalla, nun día de forte temporal, pero no que eles non poden deixar de traballar porque os invernos son moi longos e non se pode estar moito tempo sen traballar, así que dentro duns mínimos de seguridade é preciso facerse ao mar. Ademais coñeceremos aos amigos fisterráns destes tres homes, como o poeta Alexandre Nerium, que hai anos andou ao longueirón e hoxe é guía do Museo da Pesca de Fisterra, e tamén as súas familias. Un programa onde se poderá apreciar toda a forza do mar á que teñen que enfrontar os homes e mulleres que o traballan.

Trátase dunha produción encargada por TVG a Producións Celta, empresa de produción audiovisual que pertence conxuntamente aos xornais Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña, do grupo Editorial Prensa Ibérica, con duración de 55 minutos e emisión semanal, que leva por título "Ribeiras" e que está dirixido e presentado por X. H. Rivadulla Corcón.