Día das Letras Galegas

Guitiriz, capital do mundo das palabras

A Real Academia Galega enxalza a "forza creadora da palabra" de Xosé María Díaz Castro, o poeta que fixo "esforzo cara á perfección" - "Ningún tempo pasado foi mellor" para o galego, sinala Núñez Feijóo

Feijóo, xunto aos fillos de Díaz Castro, o presidente da RAG e o conselleiro de Educación, onte, en Guitiriz.

Feijóo, xunto aos fillos de Díaz Castro, o presidente da RAG e o conselleiro de Educación, onte, en Guitiriz.

J.L.RAMUDO / P.PERNAS | GUITIRIZ

A localidade natal do poeta Xosé María Díaz Castro converteuse onte, durante unhas horas, na "capital do único mundo que interesa, o da palabra", segundo o criterio que expresou o presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, na sesión extraordinaria que celebrou a institución en Guitiriz para conmemorar o Día das Letras Galegas. Un pouco antes, no acto institucional convocado pola Xunta nun colexio de Guitiriz (Lugo), o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que "ningún tempo pasado foi mellor" para o noso idioma, porque hoxe "é o que os galegos queren que sexa" e é un idioma vivo, dado que é "o pobo o que ten o timón" nunha Galicia que se converteu "nunha gran potencia de palabras".

A celebración institucional no colexio Lagostelle estivo precedida polo descubrimento dunha placa en honor a Díaz Castro no propio centro educativo e en presenza dos tres fillos do autor, José María, Iñigo e Maite Díaz Zubizarreta, afincados no País Vasco, e do seu neto Aitor. O acto, que se celebrou nunha abarrotada aula de música do colexio, comezou cunha bela interpretación por parte da fadista María do Ceo dun dos poemas de Díaz Castro, acompañada ao piano por Manuel Ramil, e rematou co canto do Himno de Galicia por parte de todos os presentes, entre os que destacaban os académicos e unha nutrida representación política. Entre os asistentes estaban o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez; a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo; e o delegado do Goberno, Samuel Juárez, sen esquencer ás autoridades locais, como o alcalde de Guitiriz, José María Teixido, quen tomou a palabra para lembrar que Díaz Castro saiu deste municipio para "gañar metas reservadas a moi poucos" e facer "universal" a súa poesía.

Paixón polas palabras

Durante a súa intervención, Núñez Feijóo afirmou que "moitos consideraron periférico" ao autor homenaxeado este ano co gallo das Letras Galegas, porque "nin o seu nacemento, en Vilariño (Guitiriz), nin a súa profesión de tradutor, nin tampouco o seu carácter predestinaban a Xosé María Díaz Castro a ser unha figura senlleira nunha das culturas que enriquecen o mundo, a cultura galega". O presidente da Xunta lembrou que a súa "paixón" polas palabras levou a Díaz Castro a ser "un dos grandes políglotas do seu tempo" e, por iso, "nada máis lonxe do seu pensamento que a crenza de que as linguas estean enfrontadas", porque viven xuntas e "os seus falantes tamén o fan". Ao seu xuízo, "ningún tempo pasado foi mellor" para o galego, porque a lingua, relatou, está viva nas rúas do país, nas escolas, nos centros de traballo, nos medios de comunicación e nas institucións.

Pola súa banda, Alonso Montero afirmou que "no mapa da palabra, a capital do mundo está hoxe en Guitiriz", porque Galicia "ten como día maior", como "día máis grande de festa" o que dedica cada 17 de maio "á palabra". Fixo esta afirmación no transcurso da sesión extraordinaria que celebrou a Real Academia Galega (RAG) entre madeira e pedra do país, na segunda planta da restaurada Casa Habanera de Guitiriz, "construída co diñeiro que enviaron os galegos emigrados en Cuba", relatou Alonso Montero. Ante deceas de persoas, co presidente da Xunta sentado ao seu carón, Alonso Montero dixo que "Galicia é, quizais, un deses países que non ten par nin en Europa nin no mundo", porque adica "o seu día grande" á palabra, mentres outras nacións "grandes ou pequenas" conmemoran "case sempre feitos bélicos, protagonizados pola espada". "O Día das Letras Galegas é o día grande de Galicia", dixo o presidente da RAG, porque é "a palabra a que nos convoca a todos" e, polo tanto, "é o día de todos" os galegos. "O noso non é a espada. O noso é a palabra. A palabra é a espada", apostilou Alonso Montero, porque "en democracia non hai máis ferramenta que a palabra" e cando falla, falla todo, é "un fracaso". Na mesma liña, comentou que o Día das Letras Galegas vense celebrando dende 1963 e mesmo en momentos de moitas dificultades sempre se homenaxeou en Galicia á "palabra".

Tracking Pixel Contents