A luz solitaria dos Nimbos
O Ano Díaz Castro que agora chega ao seu cume está axudándonos a reinterpretar con novas luces as circunstancias que definiron a carreira literaria do poeta guitiricense

Nimbos nas paisaxes de Díaz Castro.
ARMANDO REQUEIXO
O Ano Díaz Castro que agora chega ao seu cume está axudándonos a reinterpretar con novas luces as circunstancias que definiron a carreira literaria do poeta guitiricense, tantas veces considerado unha sorte de escritor fantasma que tivo a xenialidade de publicar un día unha obra extraordinaria (Nimbos) na que se contiña un poema excepcional ("Penélope"), como se ningunha outra circunstancia autorial lle fose propia.
Lonxe do que talvez se deu a entender, unha obra como Nimbos, o único poemario publicado en vida polo escritor, non responde a un acto puntual no que o poeta decidise, sen máis, axeitar un feixe de versos, ata entón descoñecidos, para dálos ao prelo. Non foi así. A realidade é ben outra. Nimbos é o resultado dun proceso, a culminación dunha andaina poética que arrinca na época da República (por tanto, case trinta anos atrás) e remata en 1961, mais pasando antes por diversos estadios creativos que foron sumando elementos que posibilitaron que agromase o libro. Entre eles, moi significativamente, as colaboracións na revista Alba (1949-1953) e mais a participación na Escolma de poesía galega. IV. Os contemporáneos (1955) de Francisco Fernández del Riego, ás que achegou materiais que logo recuperou e inseriu en Nimbos, como tamén se avanzaron poemas do libro en La Noche, Cartel ou Faro de Vigo.
Doutra parte, un dos enigmas bioliterarios que arrodearon de sempre a figura do escritor procuraba a explicación lóxica ao feito de ser o de Guitiriz poeta dun único libro. Por que non publicou máis? Que é o que fixo que, logo do éxito sen fisuras de Nimbos, non se animase a dar ao prelo novos poemarios?
A resposta non é sinxela e coido que nela teñen cabida tres causas complementarias: a) A distancia física que durante case corenta anos arredou o poeta de Galicia, pois, instalado como estivo case que toda a súa vida adulta na capital do Estado, este feito non favoreceu máis estreitos contactos coa vida literaria galega, nin propiciou que participase en iniciativas que logo o conducisen á publicación de máis obra. Lémbrese que nalgunha ocasión manifestou que para el botar en Madrid tantos anos foi como estar nunha illa deserta; b) A súa intensísima dedicación profesional, que fixo que ocupase os días como funcionario e as noites como tradutor, eido este último no que deixou unha obra inxente que o privou do tempo necesario non tanto para a creación poética, pois sempre escribiu para si, coma do lecer imprescindible para escolmar, perfilar, dispor e axeitar ningún outro libro de versos, pois era tremendamente perfeccionista, revisaba os textos cun espírito autocrítico feroz que o levaba a precisar de moito tempo para dar á luz calquera publicación, aínda que esta fose a máis pequena, poño por caso, un verso para unha revista ou xornal, para canto máis preparar a edición dunha obra maior; e c) A súa circunstancia persoal e familiar, casado e pronto con tres fillos, dedicado en corpo e alma aos traballos que mantiñan o núcleo familiar e posibilitaban os estudos dos pequenos e a mantenza do fogar.
Nisto, evidentemente, a vida de Díaz Castro non se apartou da de calquera cidadán, pero debe comprenderse que non todos os escritores conseguen atopar o equilibrio necesario que lles proporcione un tempo vital axeitado para crear e, sobre todo, promocionar publicamente a súa obra. Tal foi o caso do guitiricense, o que fica demostrado se se pensa que a súa recuperación para a escrita pública se produce, xustamente, cando chega á xubilación e, liberado das obrigas familiares máis perentorias (a súa muller e fillos estaban no País Vasco e el en Galicia), pode centrar os seus esforzos na faceta autorial, o que explica as frecuentes colaboracións en Xermolos, Amencer e, sobre todo, Dorna.
Nimbos foi, si, unha luz fulgurante e solitaria, mais cruzou o ceo das letras deixando un ronsel incomparable que traía con el materia de soles antigos que arderon para iluminalo todo por décadas.
Díaz Castro e James Bond
Mais o Ano Díaz Castro tamén nos trouxo outras alegrías, como descubrir que había moito máis versos seus na lingua de noso hoxe felizmente recuperados na edición da súa Poesía galega completa en Galaxia. Tamén si, que tiñamos nel un excelente escritor en castelán, como testemuña a publicación de Sombras radiantes y otros poemas que Luís González Tosar e mais eu preparamos para a madrileña Eneida.
Mesmo que hai nel un versificador en francés, alemán ou latín, facetas todas recollidas no Cartafol de traducións e outros poemas que publiquei no Consello da Cultura Galega, onde tamén se reúnen os textos líricos por el versionados (Rilke, Chesterton, Victor Hugo, Rosalía, Campoamor, Iglesia Alvariño, Bouza-Brey, Lamartine, Valéry e Fanego Losada), pois a tradución foi unha das súas paixóns declaradas, o que fixo que da súa man viran luz en importantes editoras castelás dos anos 50 diversos premios Nobel nórdicos (Jensen, Pontoppidam, Heidenstam) e mesmo grandes best-sellers dos anos 60 e 70 como, por exemplo, o moi popular Al servicio secreto de su Majestad. James Bond 007 de Iam Fleming, que Díaz Castro traduciu dende o inglés.
Porque Díaz Castro, á vista está, foi un grande da poesía galega do seu tempo, pero tamén un importante tradutor e poeta alófono, un perfil ben máis completo que o que se callar se contemplaba antes deste Día das Letras Galegas tan merecido.
- La calle donde mejor se come en España está en Galicia y tiene 80 bares en 150 metros según la revista Viajar
- Desaparece la heredera de la histórica discoteca Daniel: «Por aquí hasta vino el rey»
- Rescatan de un contenedor a una mujer que intentaba recuperar un artículo en Soutomaior
- Ni Tui ni Baiona: este es el pueblo más bonito de la provincia de Pontevedra según la revista Viajar
- La portavoz del PSOE de Mos, Victoria Alonso, renuncia a su acta de concejala
- «Le invitó a cocaína y lo violó»: ratificada la condena por agresión sexual y robo a un joven en un parking de Vigo
- El vigués que apuñaló a su exmujer ya mató al hermano hace dos décadas
- La playa de arena negra más bonita de España está en Galicia: custodiada por un barco naufragado y en una aldea con solo dos habitantes