"Díaz Castro foi quen de universalizar a poesía galega"
Tosar mantivo unha relación, literaria e personal, con Díaz Castro durante os seus últimos anos de vida

Luis González Tosar. / FdV
LOURDES VARELA
- A súa relación con Xosé María Díaz Castro comezou de xeito epistolar...
- Comeceille a escribir eu en 1981, para pedirlle unha colaboración na revista Dorna. Conseguín o seu enderezo por mediación de Ramón Piñeiro, e a partir de aí deu inicio unha relación que durou dez anos, os últimos da súa vida.
- Por que o seu interese en contactar con el?
- Porque, xa en 1971, eu lera Nimbos e quedara fascinado con ese poemario, cuxa primeira edición, saída do prelo en 1961, estaba esgotada nas librerías. Fora Méndez Ferrín, cando eu era alumno del no instituto Santa Irene de Vigo, quen me recomendara a lectura dese libro.
- Lembra o primeiro encontro persoal con Díaz Castro?
- Foi aló polo ano 1982, en Guitiriz. El fora visitar os seus irmáns, María e Serafín. Avisoume de que viña, e alí aparecín eu. Daquela comezamos a falar da necesidade de reeditar Nimbos porque eu consideraba que resultaba importante que esa obra chegase ás novas xeracións, a dos poetas da década de 1980.
- E iso conseguiuno Vde. en 1989.
- Carlos Casares, cando era director de Galaxia, propúxome que me encargara da colección “Dombate” de poesía e que buscase dous poetas para iniciar a serie. Púxenme en contacto con Anxo Quintela e con Xosé Antón López Dobao, e entre os tres decidimos que o primeiro título da colección tiña que ser Nimbos.
- Quixera que me falase desa edición de Nimbos, que é a que vén de reeditarse agora en Galaxia.
- Díaz Castro recibiu de bo grao a proposta e comezamos a falar sobre a obra e sobre as correcións que cumpría facerlle, que atinguían sobre todo á ortografía. Aínda conservo as trinta cartas que intercambiamos daquel período de reelaboración do poemario que, ao cabo, como Xosé María faleceu en 1990, eu gosto de chamar o “Nimbos testamentario”, xa que é o que respecta a derradeira vontade do poeta.
- Tamén se editan, ou reeeditan agora, outras poesías do homexeado, co gallo do Día das Letras Galegas. Están a altura literaria de Nimbos?
- A esencia da poesía de Xosé María Díaz Castro está en Nimbos, libro no que, por certo, tivo moito que ver Francisco Fernández del Riego, que foi quen animou a Xosé María a reunir eses 32 poemas que compoñen a obra. Houbo poesías, anteriores e posteriores a Nimbos, que están a grande altura e incluso gañaron premios; pero, repito, a esencia poética fica toda nesta obra. Por outra banda, Díaz Castro tamén foi un destacado poeta en castelán, como se acaba de demostrar coa publicación que, entre Armando Requeixo e mais eu, preparamos para a editorial madrileña Eneida, Sombras dolientes, un poemario que estaba inédito.
- Que grao de influencia tivo Nimbos nos poetas da época en que saíu por primeria vez do prelo?
- Nimbos non influíu practicamente nada no seu tempo, porque nesa época o poeta que tiña máis presenza social era Celso Emilio Ferreiro, nomeadamente con Longa noite pedra, que tiña un discurso poético radicalmente distinto ao de Díaz Castro, quen tiña unha perspectiva máis filosófica.
- Vde. ten dito que foi un poemario a contracorrente...
- Efectivamente, porque o que naquel momento primaba era a poesía social, de denuncia. En Nimbos hai tamén unha preocupación social, pero o fundamental é a busca da luz: isto é, unha poética da trascendencia, moi persoal, cunhas imaxes moi exactas e cunha evocación dun tempo que se perdeu. Os temas que aparecen en Nimbos son os da poética universal: a dóor do home, o amor, a paisaxe, a liberdade, o sentimento relixioso....en fin, os da poesía total.
- Díaz Castro tamén foi tradutor. Con que poetas doutras linguas podería estar conectada a súa poesía?
- El foi un tradutor profesional, fixo traducións de todo tipo, tanto técnicas como científicas e, por encargo das editoriais, tamén literarias. Neste último ábito traduciu autores de todo tipo, sobre todo novelistas. Pero tamén fixo traducións, xa máis persoais, dos poetas que a el lle gustaban, dos seus referentes, como Walt Whitman ou Rilke, cos que, e respondo así á súa pregunta, desde logo que a súa obra estaba moi vinculada. E iso é algo importantísimo, porque cando falamos do poeta Díaz Castro, non hai que esquecer nunca o tradutor Díaz Castro, xa que foi o seu traballo de tradutor o que lle permitiu acceder, nuns tempos nos que non era frecuente, á versión xenuína de grandes poetas como os citados. El seguía moi de perto a poesía europea da súa época. Precisamente, unha das virtudes da súa poesía é que resiste a tradución calquera lingua do planeta.
- Como era Xosé María no trato persoal? É certo que era tímido, solitario e non moi amigo de frecuentar os círculos culturais galegos da súa época?
- Si que era un home tímido, reservado, sobre todo en público; pero en privado, cos seus amigos, era todo o contrario. Tiña moito humor, moita retranca, e non era nada figurón nin pedante nin vaidoso, e iso que tiña unha gran formación filolóxica e linguística.
- E ideoloxicamente?
- Penso que a súa ideoloxía xiraba arredor dun galeguismo integrador. Un dos seus obxectivos era a defensa da lingua e cultura propia de Galicia. El indignábase cando se topaba con galegos que renegaban do seu idioma e mais con aqueles que agachaban a súa condición de galegos. Díaz Castro estaba moi orgulloso de ter nacido nunha aldea e de ter mamado o galego desde rapaz.
- Para moita xente, que este ano se lle dedicara o Día das Letras Galegas a Díaz Castro, foi unha sorpresa, por tratarse dun escritor cáseque esquecido. Por que ese esquecemento?
- É certo que algo de esquecido si que ten, pero a verdade é que el foi sempre, senón moi famoso socialmente, si que moi recoñecido e respectado na Galicia cultural, na que recibiu varias distincións.
- Por que a súa poesía debe ocupar un lugar de honra na literatura galega?
- Sen dúbida, pola súa calidade. Está dotada dunha grande altura literaria comparable á dos grandes autores do seu tempo, e non só en España, senón en Europa e aínda diría no mundo. Nimbos está enraízado na tradición galega pero, a partir desa tradición, eleva a sú poesía a unha categoría superior. Díaz Castro universaliza decididamente a poesía galega.
- Irene Díez, ginecóloga: “La incontinencia urinaria no se soluciona con compresas, hay que acudir al médico”
- Sin fuegos artificiales ni alumbrado en las fiestas de Coia
- Hallan los cuerpos de Txell Fusté y Esteve Carbonell, desaparecidos en los Pirineos hace seis meses
- Ni medicina ni odontología: estas son las 2 únicas carreras con nota de corte superior al 13.0 en Galicia
- Si ves una cría de pájaro caída del nido, no la cojas: esto es lo que dice la Sociedad Española de Ornitología
- Devuelve la cartera de un joven de Aldán con el dinero que tenía para viajar a Tenerife: «¡Personas que son ángeles!»
- Paz Rodríguez abre en Vigo la primera tienda de su historia y mira a Asia para su expansión
- Oncología del Chuvi se despide de Gerardo Huidobro: «Su memoria nos servirá de guía»