No mundo pictórico o retrato sobrevive durante o século XX superando os vaivéns dos estilos. A xustificación histórica do xénero era, evidentemente, a procura da reprodución da aparencia física do retratado. Mais non debemos esquecer que na pasada centuria, coa transformación da arte, o retrato tamén se converte nun campo para a experimentación, para a construción do estilo do artista. Neste sentido cómpre lembrar que a fotografía, desde mediados do XIX, retirara ao retrato a posibilidade de continuar a súa funcionalidade.

Se sempre a visión subxectiva do artista estivo na presentación de calquera modelo, a evolución da arte do século XX fixo deste aspecto un elemento central da representación retratística, servindo, nos mellores casos, para reconstruír e reflectir a intensidade complexa do home moderno.

Os pintores galegos non son alleos a estas continxencias do xénero, podendo percibirse neles un uso do retrato como método de coñecemento para o propio creador, un aspecto que está presente na arte occidental desde a revolución artística do século XV. Daquela, debemos ter en conta que o retrato está formado non só de imaxes, senón tamén de ideas, ou mellor, que as unhas nunca se dan sen as outras. Un cadro non debe soamente verse senón tamén entenderse ou, aínda mellor, lerse.

Os retratos debemos, pois, lelos no contexto. Unha oportunidade excelente para ler retratos no seu contexto é a que nos ofrece a mostra dedicada ao pintor Emilio Fernández Rodal (Cangas do Morrazo, 1912-Vigo, 1972) que retratou durante décadas un amplo abano da sociedade viguesa desde os anos trinta até os sesenta.

Os realizados polo pintor vigués de adopción conseguen un importante nivel da calidade e expresividade no seu período inicial, antes da Guerra Civil e abalan entre os que seguen fórmulas académicas e os de maior soltura, entre os últimos debemos subliñar o seu Autorretrato (1932); o Estudo de muller (1934-36), obra que nos lembra na súa frescura a lección de Manet, e o Debuxo (1933-34), que representa unha figura feminina cun ar de precisión e frialdade que lembra a arte da Nova Obxectividade alemá de entreguerras. Ao tempo, son pinturas que exemplifican como artistas e comitentes modernos utilizaron o retrato como manifestación dun estatus social, seguindo neste sentido as vellas convencións, máis ou menos enfeitadas e adaptadas aos novos tempos.

Na posguerra, como é ben coñecido, o panorama artístico reséntese polo pouco estimulante medio, empobrécese fortemente, por razóns materiais, nun momento de miseria e autarquía, mais tamén por un ambiente social e cultural que anula calquera estímulo, cunha burguesía nada interesada na innovación e apegada a modelos de ostentoso e vulgar pseudoclasicismo ou rexionalismo. A pintura galega da primeira posguerra está moi mediatizada polo pobre ambiente creado polas consecuencias da contenda, pero tamén polas limitacións que no terreo artístico tivera o insuficiente proceso modernizador da preguerra, unha situación que non se comezará a superar até avanzada a posguerra, a pesar de intentos illados e moi meritorios de algúns artistas.

Vigo, a pesar deste cadro xeral, é un dos focos onde se mantén certo dinamismo cultural, debido á presenza de artistas e escritores na cidade e á puxanza de Vigo dentro do contexto galego a nivel económico, fundamentalmente industrial.

Clasicismo formal

Esta situación mediatiza, sen dúbida, o traballo de Fernández Rodal, que mantendo un dignidade formal, realizará unha retratística conservadora. O clasicismo formal e o convencionalismo burgués dos seus retratos de encarga reflicten moi ben a opción estética mais tamén o ambiente social e a ideoloxía dominante, en tempos do fascismo. Con todo hai exemplos de calidade, sobre todo algúns da década dos corenta como o Retrato de Pilar Pereira, esposa do doutor Iglesias Lago (1942), cunha composición clasicista e un fondo preciosista ou o Retrato de Rafael Varela Prol, no que acompaña a figura de obxectos que suxiren unha lectura da personalidade do retratado, seguindo as convencións que se remontan ás orixes do xénero. Certa intensidade, que lembra os seus logros na década dos trinta, conserva o Retrato do escritor José María Castroviejo (1949), cun ar máis frío e "obxectivizado", que se cadra responda ao diálogo co propio retratado, un escritor, menos marcado pola convención abafante da sociedade destes anos.

A oportuna mostra dedicada a Fernández Rodal complétase con documentación biográfica, salientando o seu maxisterio na mesma escola na que hoxe se expón a súa obra e o activismo cultural, participando na Sociedade Amigos del Arte; nos faladoiros dos cafés Tropical e Derby ou na realización en 1961 da Exposición de Artistas Noveis.

Título: Emilio Fernández Rodal (1912-1972). Retrato de Sociedade dun artista vigués. Artista: Emilio Fernández Rodal

Comisario: José Luis Mateo Álvarez.

Dónde: Sala EMAO, Escola Municipal de Artes e Oficios, Vigo. Até o 6 de xuño. De luns a venres de 19 a 21 horas.

Entrada: de balde.