Máis de tres horas tardaron onte os 27 membros da Real Academia Galega (RAG) en decidir no plenario da institución que a escritora Fina Casalderrey era a elixida para entrar na institución como nova numeraria. A escritora galega é a quinta muller en contar cunha cadeira no organismo académico. Ata agora a presenza feminina estaba representada por Xohana Torres, Luz Pozo Garza, Rosario Álvarez e Margarita Ledo.

A candidatura de Casalderrey impúxose á da poetisa Chus Pato e a autora ocupará a vacante que deixou Xaime Isla Couto tras o seu pasamento en abril do ano pasado. Desde a institución destacan tamén a súa traxectoria adicada ao ensino no ámbito rural e urbano como un aspecto "trascendente" para o desenvolvemento da literatura galega.

A nova académica da RAG é autora dunha vasta obra, sobre todo no eido da literatura infantil e xuvenil. Á publicación da novela infantil Mutacións xenéticas en 1991 seguíronlle Dúas bágoas por máquina, A noite dos coroides, Chamizo, ¡Asústate, Merche! e O misterio dos fillos de lúa. Con esta última gañou no ano 1995 el Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil e o premio El Barco de Vapor. Da súa extensa bibliografía destacan outros títulos como O estanque dos parrulos pobres -co que acadou o premio Edebé de literatura infantil e xuvenil- ¡Prohibido cazar, papá!, Ás de mosca para Anxo, Bicos de prata, Eu son eu, Un misterio na mochila de Alba e ¿Quen me quere adoptar? Ademais destes galardóns parte da obra de Casalderrey foi traducida a varios idiomas.

A Academia estivo formada, orixinalmente, por 40 membros, pero coa aprobación dos novos Estatutos no ano 2000, o pleno quedou reducido a 30 membros. Tralo falecemento de Olga Gallego, que formaba parte do plenario da RAG, esta incorporación restitue en cinco as mulleres da Academia.

O plenario actual está formado por 27 membros porque hai dúas prazas que aínda non foron cubertas. Os académicos Xosé Fernández Ferreiro e Pegerto Saavedra aínda non tomaron posesión do seu posto. Ambos foron nomeados hai un ano e calcúlase o seu ingreso nos próximos meses.