Os centros galegos espallados polo mundo, así como as fundacións da terra na honra de autores e artistas gardan tesouros. Un deles foi un poemario inédito de Valentín Paz-Andrade –homenaxeado polas Letras Galegas– que onte era presentado en Compostela no Consello da Cultura Galega. Foi esta institución a que se ocupou de editalo como Canto do pobo disperso. Esta obra, segundo varios expertos, demostra que o creador "era un poeta que pulía o seus versos", revelación que é clave para escachar cos prexuízos sobre o autor.

"Este poemario dános unha nova visión de Paz-Andrade. Con esta obra, coñecimos aspectos que non sabiamos sobre a importancia da poesía na súa vida. El era un poeta que pulía os seus versos; reconstruía a estrutura do poema; buscaba darlle unidade ó poemario... Non era un poeta ocasional como se pensaba", explicaba onte María Xesús Lama, autora do estudo introdutorio, editora e profesora na Universidade de Barcelona.

Un achádego fortuito

Desde a cidade condal, Lama estaba acompañada de Miguel Anxo Seixas, quen atopou o poemario un bo día na Fundación Luís Seoane e que puxo tamén os textos á biografía sonora sobre Andrade que vén de publicar Ouvirmos. "Cando preparaba a exposición sobre Seoane para Bos Aires fun á Fundación, alí atopei este poemario. Non me sonaba polo que lle fixen fotocopias. Tempo despois, conteille a Alfonso Paz-Andrade –fillo do homenaxeado– que encontrara esta obra pero non foi ata unha reunión con el e Ramón Villares que se falou de publicalo", lembrou Seixas.

Con esta edición, o Consello da Cultura Galega contribúe coa celebración do Día das Letras Galegas. Na presentación de onte, o presidente do organismo, Ramón Villares, referiuse ó homenaxeado como "un exemplo de intelectual moderno. Estamos diante dun home que pensou o mundo desde Galicia".

Respecto do poemario inédito, destacou a visión que dá da emigración galega como una iniciativa "épica e co pobo como protagonista" sen unha "interpretación pesimista e triste do fenómeno migratorio".

No acto, tamén participou o fillo do escritor, Alfonso, quen resaltou "a liña de coherencia" que sempre seguiu seu pai "entre o pensamento e a acción".

Alfonso Paz-Andrade aproveitou para agradece-lo traballo do Consello da Cultura por comezar a dixitaliza-lo fondo da obra de Valentín Paz-Andrade.

De Bogotá a Galicia

Na presentación, tamén houbo palabras para lembra-los momentos e o lugar onde foi escrito o poemario, Bogotá (Colombia), a mediados dos anos 50 do pasado século.

No ano 1954, vía a luz a obra de versos "Pranto matricial" en Bos Aires, editada por Luis Seoane. O contacto entre artista e escritor proseguíu. Miguel Anxo Seixas considera "probable que Paz-Andrade enviara a Seoane ´Canto do pobo disperso´. Esa hipótese explicaría a razón pola que foi atopada a obra entre os fondos da Fundación Luis Seoane.

Respecto do que motivara a viaxe de Valentín ás terras colombianas, Seixas lembrou que estaba alí en calidade de técnico da FAO, Organización de Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura. Paz-Andrade adicouse durante varios anos a dar charlas en Chile, México, Arxentina e Colombia sobre planificación pesqueira (el fundou Pescanova e foi o artífice da World Fishing Exhibition en Vigo). A súa chegada á FAO veulle da man de Bibiano Fernández Osorio –director do instituto no que daba clase Castelao en Pontevedra– a quen coñecera antes da Guerra civil e que se lembrou del para comparti-los seus coñecementos para mellora-la pesca de moitos países.