Os actos centrais do Día das Letras Galegas celebráronse no ano 2011 en Monforte para lembrar a Lois Pereiro; e en O Courel no 2010 para recordar a Uxío Novoneyra. Para este 2012, escolleuse Vigo para festexar que se lle adique a xornada ó poeta, xornalista, ensaísta, empresario e político Valentín Paz-Andrade. Este último anuncio realizouno onte na cidade olívica o presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín, tras entrevistarse co rexidor local, Abel Caballero.

Este último non compareceu ante a prensa para anuncia-la nova pero si o fixo Ferrín que, cun gran sorriso, confesaba estar "moi satisfeito" por que Vigo centralice a celebración. A urbe do sur galego non acollía estes actos dende o ano 2008 cando se adicou o Día das Letras Galegas a Xosé María Álvarez Blázquez.

Naquela altura, a Academia celebrou un congreso extraordinario no Auditorio Municipal –antes das súa remodelación– e en Castrelos, principalmente. Para este ano, o modus operandi será máis o menos semellante. O presidente da Real Academia confirmou que haberá pleno extraordinario desta institución e que con case toda a seguridade celebrarase no Teatro Novacaixagalicia. "Pode cambia-lo sitio porque aínda estamos traballando niso", advertía onte ós medios.

Outra das homenaxes transcurrirá no Pazo Quiñones de León, en Castrelos; e outra actividade no Instituto de Secundaria Valentín Paz Andrade de Vigo, na estrada vella a Madrid. Ó estar soterrado no cemiterio do Lérez, Pontevedra, a ofrenda floral non terá lugar en Vigo onde si está previsto descubrir unha placa, aínda que non trascendeu onde será ubicada.

Outro acto que se desenvolverá na cidade olívica será unha exposición biográfica sobre Paz- Andrade. Se a previsión persiste, esta mostra (que agora se atopa en A Coruña) estará asentada nunha das salas da Casa das Artes e seguramente será inaugurado o día 17 ou nalgunha data próxima.

Alén do programa que se perfila para a xornada de maio, a propia do Día das Letras Galegas, a Real Academia tamén está a traballar nun congresso para final de ano sobre a figura de Paz- Andrade. De momento, descoñecen que cidade albergará o simposio pero Ferrín barallou tres nomes: A Coruña, Santiago ou Pontevedra.

Méndez Ferrín falou destes actos co alcalde vigués en compañía del secretario, Xosé Luis Axeitos, e de Alfonso Paz-Andrade, fillo do homenaxeado.

Para o presidente da Real Academia Galega, Valentín-Paz Andrade (quen naceu o 23 da abril de 1898 e finou o 19 de maio de 1987) "é unha figura galega colosal, dunha importancia histórica, política, económica e grande poeta galego. Era unha persoa que tiña un concepto de Galicia sumamente elevado. Era un pensador que dicía que Galicia non podía estar autogobernada se non era próspera e o centro desa prosperidade tiña que ser Vigo, como motor económico de Galicia, por proximidade a Portugal e pola súa proximidade ó océano".

A colaboración do Concello coa RAG no se limitará so á cesión de espazos para os actos. O presidente da Academia Galega explicou que a Administración local tamén propiciará a celebración de actividades, e tampouco esqueceu o apoio da Xunta de Galicia, que enviará un responsable da mesma ós actos do 17 de maio en Vigo.

Entre hoxe e a devandita data, os cidadáns galegos poderán coñecer polo miúdo a figura de Paz Andrade a través dos libros que se están a reeditar ou publicar, así como a través da páxina web www.valentinpazandrade.es, onde se recolle a biografía, novas, imaxes e axenda que xiran ó redor desta persoalidade, un dos empresarios que puxo en marcha Pescanova.