María Barcala, actriz e co directora xunto a Xulio Lago da compañía Teatro do Atlántico, intentou vivir onte unha xornada normal no seu fogar de Culleredo. Pero só foi un intento. O tono de chamada do teléfono lembroulle con parabéns a resaca dos Premios María Casares de Teatro nos que conseguiron tres galardóns ao mellor espectáculo, dirección e adaptación por "A raíña da beleza de Leenane" nunha pugna co Vigo de 1936 retratado en "Imperial: Café Cantante" de Teatro do Noroeste (cinco galardóns).

"Francamente, estou moi contenta. Este foi un espectáculo que non nos deu máis ca alegrías, gustou moito ao público, aos programadores e estes premios veñen a dicir que tamén lle gustou aos colegas. Todo isto éncheo a un de satisfacción".

Quen se perdera a obra, quen non puidera disfrutar da mostra actoral e mesmo pasmarse co enfrontamento dialéctico dunha nai e unha filla nunha aldea do oeste de Irlanda" xa non terá ocasión de ver "A raíña da beleza de Leenane". Na Galicia do millón de contradiccións, a mellor obra do ano non se volverá representar.

O pasado mes de febreiro "tivemos a última representación da obra en Cangas, o día 24 de febreiro. Foi un ano de explotación deste espectáculo co que practicamente percorremos toda Galicia", explica María Barcala.

Novo proxecto en mente

A actriz recoñece que "cando rematan as funcións, e falo a nivel personal, prodúceme unha baixada, como unha depresión postparto. Acontece iso porque te despoxas de algo que che aportaba moito. Pero como nesta vida na que todo é efémero, o teatro tamén o é. Sen embargo, hai que buscar unha razón para subir de novo ao escenario". E esa razón, tanto María Barcala como Xulio Lago -directores de Teatro do Atlántico- xa a teñen atopado e dado nome: "A bombilla que frota" que estrearán en outono.

A obra, escrita por Woody Allen nos setenta pero recreando o 1945, "fala dunha familia dos Estados Unidos nun momento que estamos mimetizando aquí en España con familias desestructuradas. Presenta as problemáticas dos fillos adolescentes que estamos xa vendo aquí. Presenta un mundo económico de suburbio, de precariedade... é unha comedia dramática". Coñecéndoos será unha comedia ácida para facer pensar, para saír do teatro cunha reflexión existencialista do que somos ou podemos chegar a ser.