Ana Rodríguez / A CORUÑA

Ata cinco premios, dos dez aos que optaba, colleitou o Imperial: Café Cantante de Teatro do Noroeste nos premios María Casares desde ano, que tiveron lugar onte no Rosalía de Castro. A obra da compañía compostelá levou os galardóns ao mellor vestiario, iluminación, música, texto orixinal e escenografía. Porén, a triunfadora da noite foi a compañía coruñesa Teatro do Atlántico, coa obra A raíña da beleza de Leenane, que levou o premio á mellor adaptación, ao mellor director e, finalmente, ao mellor espectáculo.

Tras os moitos que lle ten reportado o cine, Luís Tosar colleitou o seu primeiro galardón teatral polo seu protagonismo en Hamlet, obra pola que tamén foi premiado Gonzalo M. Uriarte. O mellor actor de elenco do ano 2006 levou unha das grandes ovacións da noite, xunto coa do premio de honra Marisa Soto. A xastra do CDG, Concha Abad, recibiu esta distinción emocionada co teatro en pé. Era un auditorio que botou en falta a presenza da conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, que avanzou onte un plan para as artes escénicas, que recibe "espectante" o gañador do María Casares ao mellor director, Xulio Lago. "A conselleira di que imos sacar o teatro á rúa, fóra dos auditorios, cando o levamos facendo hai trinta anos", ironizou Lago.

A un difícil medio camiño entre o cuarto milenio e a II República desenvolveuse a gala, que acabou cunha parodia de Fraga e Beiras dos Títeres Cachirulo.