A Xunta elaborará o I Plan Galego das Artes Escénicas e promoverá máis dun centenar de funcións en espazos alternativos e outras actividades para conmemorar os 125 anos do teatro galego. Así o anunciou onte a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, con motivo da efeméride marcada polo inicio das representacións o 13 de agosto de 1882 na Coruña coa obra de Francisco María de la Iglesia "A fonte do xuramento".

Bugallo explicou que o plan foi aprobado polo consello reitor del Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (Igaem) en decembro e suporá a apertura dun proceso de "reflexión e diálogo" a partir dun diagnóstico do sector.

Segundo puntualizou a conselleira, con este proxecto "ambicioso" preténdese definir o marco das actuacións políticas públicas relacionadas coas artes escénicas. Na elaboración participarán os organismos e institucións relacionadas co teatro, ademais de creadores, produtores, distribuidores e receptores. O plan centrarase en consolidar e fomentar os procesos de innovación na creación e xeración de contidos, promover e potenciar as industrias vinculadas ás artes escénicas, e promover a internacionalización económica e cultural das actividades escénicas.

Sobre as accións de conmemoración dos 125 anos do teatro galego a titular de Cultura precisou que se trata de actividades dirixidas "a públicos non habituais no teatro e en espazos non habituais" e inclúe unha exposición itinerante.