O cinema galego, o de pequeno formato e en celuloide, está a derribar fronteiras. A obra "People", de David Porto, é finalista no certame de curtas de Córdoba onde probará sorte en abril para traer algún premio á casa. A obra tamén tentará engaiolar no Festival CinemaJove de Valencia xunto á curta "Heroe" do moañés Oscar Galansky.

Ámbalas dúas teñen en común a súa pertenza á última fornada da Escola Superior de Artes Cinematográficas de Galicia (Egaci), a semente do cinema galego. Onte mesmo, no Centro Social Caixanova, estes novos valores tiñan a súa première. Ademais de "Heroe" e "People", foron proxectadas en gran pantalla "Lembrar", "Estación decembro", "Un metro cadrado", "A cidade perdida" e "Lady Lazarus".

Semana da curta

Para quen perdera o evento, tranquilidade: as curtas pódense baixar da web www.egaci.net ou verse no local Etnias de Vigo a vindeira semana dentro da "Semana da curta".

Cunhas duracións entre os seis e 17 minutos, preséntanse historias de amor, de amizade, de autosdestrución e de problemas sociais. "Todas as obras son diferentes, non saen co mesmo molde. Son traballos comprometidos, críticos" destacaba onte Virgina Ramírez, directora da Egaci.

O que non se poderá ver nin pola rede nin nas salas serán esas anécdotas que marcan unha rodaxe como os nervos do equipo pola inundación do set de rodaxe no caso de "Estación decembro". O seu director, Martín Rodríguez lembraba onte como "estabamos nós, por un lado, gravando a curta. E por outro, Antena 3 e outras televisións gravándonos a nós e á estación".

Ademais dos problemas que xorden espontaneamente, os alumnos directores, guionistas, operadores de cámara e sonidistas da Egaci afrontaron outros obstáculos nos meses de traballo como a búsqueda de actores, a súa dirección...

Durante todo o ano, na escola, realizáronse 17 traballos dos que só se visionaron sete onte. Entre os directores noveles, había distintos pensamentos pero un central en tódalas súas cabezas. "Esta curtametraxe -comentaba Tomás Alonso- é un punto de partida para gañar experiencia e coñecementos para facer unha longametraxe ou traballar noutras producións. Máis ca despuntar, o que se busca é experiencia. Queda moito".

Precisamente, pensando no futuro tamén estaba Isaura Docampo. "O das saídas está un pouco complicado. Se queres recoller cables ou buscar coches, está ben. Pero realmente para facer o que realmente lle gusta a un, o mellor é montar unha produtora que é o que vou facer", adiantou. A moza deixouno claro. "Para montar unha produtora, ten que haber ideas, talento, un pouquiño de diñeiro e amor polo que se fai". Na Egaci, hai abondo.