Fai dezasete anos, o concello de Petín de Valdeorras (Ourense) viviu un acontecemento que quedou gravado na memoria colectiva da vila. Foi a rodaxe de Sempre Xonxa de Chano Piñeiro, a primeira longametraxe galega en 35 mm. Agora que se cumpriron dez anos do pasamento do precursor do cine galego, o realizador Ignacio Vilar recolleu nun documental os testimonios dos veciños de Petín que participaron naquela rodaxe. Lembranzas que se mesturan con imaxes da propia película ao longo de 40 minutos. O vindeiro 14 de outubro, Vilar presentará Sempre Xonxa en Petín no auditorio do Centro Social Caixanova de Vigo. Á estrea acudirán o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño; o vicepresidente, Anxo Quíntana; o alcalde de Petín de Valdeorras, Miguel Bautista Carballo; o concelleiro de Cultura de Vigo, Ignacio López- Chaves; e o produtor Domingo Díaz. Será, como di Vilar, "unha homenaxe" a Chano Piñeiro.

-Cando se puxo en marcha este proxecto e como se levou a cabo?

-Eu son de Petín de Valdeorras e alí foi moi importante a rodaxe de Sempre Xonxa. Moitas dos veciños que participaron na película seguen vivos. Por outro lado, levamos sete anos co festival de cine e sempre quixemos crear un taller para ir metendo a xente nova no cine, e este ano logramos face-lo obradoiro "Petín, un pobo de cine". Con todo esto, e xa que estamos no décimo aniversario do pasamento de Chano Piñeiro, entre o productor Domingo Díaz, o alcalde de Petín e máis eu decidimos pór en marcha un documental sobre a primeira longametraxe galega, de xeito que pensamos nas xentes que participaron na rodaxe para que falaran daquela experiencia.

-Coa perspectiva do tempo, como se ve agora o cine de Chano Piñeiro?

-A súa idea aínda está vixente. Na homenaxe do vindeiro venres imos ler un artigo publicado en FARO DE VIGO no que Chano dixo unha das súas frases máis coñecidas: "Facer cine en Galicia é posible, facer cine en galego é necesario". E estamos nun momento fundamental para recuperar esa idea. Eu, cada vez que vexo Sempre Xonxa percibo que segue vixente e que é estandarte do cine galego.

-Que anécdotas lembran os veciños daquela rodaxe?

-Hai unha que me fixo moita graza. Nunha secuencia da película, Chano puxo a un grupo de nenos a ver como un touro montaba a unha vaca, e aqueles cativos, hoxe xa maiores, contan agora que aquelo fora para eles algo moi importante que lles cambiou un pouco as súas vidas, xa que foi a primeira vez que viron algo semellante.

-Neste décimo aniversario da morte de Chano Piñeiro, se lle lembrou dun xeito xusto?

-Aínda non se lle fixo a homenaxe que merece. No momento que vivimos, é importante estar na gran pantalla, senón non existes como pobo, e esto Chano xa o tiña moi claro no ano 1985

-Como lembra a estrea de Sempre Xonxa?

-Recordo que en Galicia foron a vela 100.000 persoas, algo que só pasa moi de cando en vez. Fai dez anos, a Federación de Asociacións de. Productoras Audiovisuais de España (FAPAE) mandoume a lista das dez películas máis vistas en Estados Unidos aquel ano e entre elas estaba Sempre Xonxa, que fora moi distribuida a través de canales de pago, cable, etc.

-Que pensaría Chano do momento actual do cine galego?

-Se sorprendería moito. Agora somos máis profesionais, temos unha industria case consolidada e facemos catro ou cinco películas ao ano, algo impensábel antes, pero temos unha materia pendente: rodar en galego e ver películas nos cines en galego. Esto é un problema de todos, dos directores, dos productores, dos distribuidores, dos exhibidores, do público...

-Rodar en galego é un risco que ninguén quere asumir?

-É arriscadísimo. Fíxate, cando estrenamos Ilegal no 2003 no Rosales de A Coruña, había un gran cartel que decía "Esta película se proxecta en galego". Pois ben, moita xente que estaba na cola para ve-la película, ao ler o cartel decidiron ir a ver outra cinta. Así que isto é un problema de todos.