Será "unha das primeiras medidas" que adopte o novo Goberno. O recén nomeado titular da Dirección Xeral de Deporte, Santiago Domínguez Olveira, era onte así de rotundo. "Porque este país precisa xa dunha vez por todas unha selección galega de fútbol" e "de inmediato iniciaremos as xestións necesarias". A intención é que Galicia estea en tódolos eventos deportivos do máximo nivel e que os equipos nacionais teñan "o respaldo necesario".

O deporte é unha das apostas da nova Administración. Mesmo a conselleira o mencionou dun xeito destacado no seu discurso: "A política deportiva estará orientada a promocionar o deporte de base e ó especial coidado do deporte de elite". Asimesmo, como logo reiteraría na súa intervención Amoedo, procurarase un "achegamento da cidadanía ó deporte" porque "o deporte é saúde e por iso é necesario espallalo a tódalas capas sociais".

Amoedo adiantou tamén que "de inmediato" se fará "un deseño demapa de infraestructuras deportivas" para buscar a racionalidade e a eficacia nos vindeiros orzamentos. Anunciou que viaxará por toda Galicia para "escoitar a tódolos clubes, federacións e asociacións para que partindo do seu protagonismo poidamos deseñar eixos fundamentais para logo implantalos".