A TVG retransmite hoxe os actos de toma de posesión de Emilio Pérez Touriño como presidente da Xunta. Ás 12.00 horas, a canle autonómica conectará co Parlamento de Galicia, onde o novo titular do Goberno autonómico xurará o seu cargo ante a presidencia da Cámara.

Ao acto institucional no Pazo do Hórreo seguiralle unha cerimonia na Praza do Obradoiro, que a partir das 13.30 horas acollerá un espectáculo de artes escénicas e audiovisuais, acto que tamén será retransmitido en directo dentro do especial informativo da TVG e que, xunto coa xura no Parlamento, será comentado por Xesús Fontenla.

Unha peza audiovisual centrará a atención sobre a natureza e o territorio, coa intervención de María Pujalte, que porá voz a dúas poesías de Xavier Seoane e Luís Pimentel. O espazo escénico do festexo terá un papel protagonista, baixo a dirección de Miguel Piñeiro, Fernando Blanco e Marta Villar.