Un portátil para escribir. Un lugar onde facelo con tranquilidade. Un titor en exclusiva, Méndez Ferrín. E a seguridade de saber que a túa novela será publicada. Foron os premios que recibiu a gañadora do I Premio Biblos-Pazos de Galicia para menores de 25 anos, que se fallou onte na Casa Grande de Bachao. Iria López Teijeiro (Perlío, Fene, 1981), a afortunada, foi escollida por unha obra, "Contracorrente", sobre unha "rapaza que investiga na historia da súa familia".

- De verdade se atreve a adicarse ó mundo da literatura?

- Si. Ese era o meu soño. A ver que pasa porque é moi complicado. Quero adicarme a isto dende que teño uso de razón.

- E non lle parece difícil?

- Como se di, neste país pódese vivir do conto, pero da literatura non. Tampouco pretendo vivir da literatura. Compatibilizaría de entrada co traballo. Que remedio se quero comer...

- Vostede traballa en post-producción audiovisual. Contáxiaselle algo na escrita?

-Penso que si, que sempre influé e moito. Ás veces tendes máis ó diálogo cá explicación narrativa en si mesma e nótase no ritmo, na narración.

- Que lle parece o titor?

- Alucinante. O mellor que me podía pasar. Unha oportunidade de aprender con el paréceme incrible.

- Que novelistas lle gustan?

- Gústanme escritores como Paul Auster e a xeración beat, ese tipo de literatura. Pero de aí a parecerme a eles...