A Fundación Premios da Crítica de Galicia celebrou onte no Centro Social Caixanova de Vigo a entrega dos seus galardóns, que este ano vive a súa vixésimo oitava edición. Na modalidade de Ciencias e Artes da Representación, o galardón foi para os membros galegos dos equipos artístico e técnico participantes na producción de Alejandro Amenábar, "Mar adentro".

O xurado destacou a contribución dos profesionais galegos "á proxección de Galicia sen tópicos e estereotipos desde a dignidade". A acta do xurado sinala tamén que, "máis alá do acabado final dunha película, recoñecida internacionalmente, gran parte dos equipos humanos que permitiron a súa realización son galegos, o que fala da emerxencia dunha industria propia para situar a cultura e a lingua galegas no mundo contemporáneo".

Na modalidade de Creación Literaria, o galardoado foi o libro "En concreto", da escritora Luisa Villalta, un poemario que combina tradición e modernidade.

Por outra banda, o Museo da Limia recibiu o galardón en Iniciativas Culturales e Xosé Chao Rego na modalidade de Ensaio e Pensamento, pola obra "O demo meridiano. As actividades e programación de "2004, ano da música en Pontevedra" gañou o premio de Música, mentres que o de Investigación foi para Antón Costa Rico, por "Historia da Educación e da Cultura en Galicia (siglos IV-XX). Permanencias e cambios no contexto cultural e educativo europeo".

A Fundación nomeó Galego Egrexio a Xesús Alonso Montero, "pola súa brillante labor docente", "o seu compromiso político" e "as edicións de autores da nosa literatura", entre outros aspectos.