Xosé Manuel Pazos (Cangas, 1957) levaba na noite do luns unha das máis gratas recompensas da súa vida: o Premio Max ao mellor autor teatral en galego polo texto da obra "Emigrados". Unha proposta que el mesmo argallou e deu forma a partir de pezas elaboradas por Suso de Toro, Cándido Pazó, Sonia Delgado e Anxos Sumai cos que comparte o galardón. Terriblemente crítico, este home -actual concelleiro de Cultura de Cangas e cofundador da Mostra Internacional de Teatro Cómico- reflexiona sobre o significado do premio e a súa visión do teatro galego actual.

- Vostede que ten sido nominado en varias ocasións ao Premio María Casares ao mellor texto adaptado, como recibiu o Premio Max?

- Con moitos nervos. Tiña serias dúbidas de conseguilo tendo en conta quen eran os outros dous finalistas. Cando dixeron os nosos nomes, saltei do asento.

- Que pode aportar o Max a "Emigrados" ou a Teatro de Ningures?

- Hai un ano que se estreou a obra e tivo moi boa acollida. O número de funcións que leva están por riba da media, así que dou por ben recibido o premio se significa unha maior distribución aínda que agora xa é boa. Gustaríame ver cumprido un soño para que esta obra dese un chimpo e se puidese ver nos centros galegos de Europa e de América coa axuda da administración. "Emigrados" ten moito que ver con eles, cos emigrantes.

- Imaxino que non foi doado crear esta obra.

- Foi complexo. Estamos falando de catro textos escritos por cada autor con total liberdade mentres que o meu quinto escríbese para servir de enlace e para presentar unha epopeia dunha familia que emigra nos anos 50. Unha familia cuxa filla madura regresa á actualidade para buscar as raíces do pai nun pobo soterrado baixo un encoro do que aparecen pantasmas e tamén historias.

- Que queixa ten vostede do teatro galego actual?

- A nivel de creadores e de compañías non hai dúbida de que a situación mellorou moito e está a unha altura considerable. Non podo dicir o mesmo das institucións. Esta administración non está a altura do que o teatro galego merece. O aumento das axudas non foi significativo. En segundo lugar, as autoridades en Galicia non teñen claro o que queren facer co teatro. A súa liña é unha continuación do que se facía antes, sen implicarse.