24 de enero de 2008
24.01.2008

O papel resiste ao libro do futuro

24.01.2008 | 01:00
O papel resiste ao libro do futuro

O libro leva anos perdendo follas de papel para substituílas por pantallas e arquivos informáticos. A vindeira semana, Edicións Xerais publicará "Boas Noites" de Paula Carballeira nun libro-DVD con xogos interactivos para que os máis miúdos su- peren os seus medos. É un chanzo máis no camiño da "experimentación", como sinala o editor de Xerais, Manuel Bragado. A empresa que dirixe leva investigando desde Galicia nos novos soportes desde principios deste século sacando do prelo no ano 2004 o seu primeiro libro electrónico.
"Física e química. Terceiro da ESO. Proposta didáctica dixital" é un deses exemplos nos que os manuais se ven en CDROM ou mesmo en DVD. Con estes libros electrónicos, dirixidos especialmente para o profesorado, pódese ler na pantalla as unidades, imprimir os textos ou mesmo traballar sobre a máquina.
Bragado recoñece que "non somos os únicos que o estamos facendo", ao tempo que engade que no eido educativo "é onde se dan os maiores adiantos" nunha carreira cara un libro sen papel que atopa un atranco: a falta dun soporte estándard para todas as máquinas.
O último gran proxecto saíu á luz o outono pasado cando Amazon (coa súa librería dixital de internet) poñía no mercado o iPod dos libros (Kindle), un aparello de 18 centímetros de longo e 13 de ancho que permite almacenar ata 200 títulos previo pago dos libros descargados da propia Amazon.
Blogueiros e escritores cren que aínda é cedo para que os inventos como Kindle afasten das nosas mans as obras en papel. Deste asunto, falaron varios especialistas onte en Vigo na última mesa redonda "Os libros de mañá" organizada por Galaxia. Entre eles, disertou Manolo Gago, impulsor do portal culturagalega.org do Consello da Cultura Galega. "O libro como formato -sinala Gago- está desaparecendo no caso das enciclopedias porque son voluminosas, non se pode buscar... A lóxica de uso fai que os usuarios vaian ás enciclopedias on line de internet e non ás de papel".
Ao seu xuízo, "o futuro está no produto na rede aínda que na ficción é diferente. O libro de papel non consume enerxía, transpórtase facilmente" e lese sen cansar tanto a vista. Claro que "os últimos estudos sinalan que xa se le en pantalla on line un 15% máis rápido que hai sete anos", engade Gago.
O blogueiro de Dias estranhos, Oscar Sánchez, sinala que "o mercado cambiará radicalmente. As editoriais afondarán na vontade de excelencia" ofrecendo produtos de luxo con boísimas calidades; mentres que con outras obras "reducirán costes facendo as tiraxes más baratas. Iso xa ocorre no mercado norteamericano onde os best sellers veñen en contenedores dende China onde os imprimen".
Pero as novas tecnoloxías non só transforman formatos senón contidos. O escritor Francisco Castro cre que "xa hai un libro do mañá no que podemos ler poemas (en CD ou internet) con palabras das que sae música. En Galicia, xa ten habido experimentos con estes videopoemas" como os de María Lado, Antía Otero ou Sara Jess. A escritora Rosa Aneiros, ademais, afonda na interactividade: "antes non existía a posibilidade de comunicarse co escritor. Internet serve para ver unha nova dimensión da escrita".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook