Ás 20.00 horas de hoxe, a xunta de accionistas do Instituto Galego de Información (IGI) determinará se Isaac Díaz Pardo continúa ao mando do que foi o seu fogar e lugar de traballo nos últimos 20 anos ou se debe facer as maletas. Ante a posibilidade de que o intelectual galeguista teña os seus días contados no IGI (dende onde desenvolve o novo Seminario de Estudos Galegos, traballos de investigación histórica e obradoiros de deseño que ata hai poco servían ao grupo Sargadelos), tanto Díaz Pardo como os once traballadores do Instituto abriron onte unha exposición "de urxencia" en Santiago para mostrar a riqueza histórica e cultural do legado que protexe. Esta podería ser a última mostra da historia do IGI.

Nunha nota informativa, os organizadores do evento -preparado case espontaneamente- explicaron que "se trata dunha mostra de urxencia por se dunhas circunstancias, non desexables, resultase ser esta a derradeira exposición que fai o instituto". A mostra, "breve" como a califican os seus propios organizadores, presenta documentos escritos, correspondencia de persoeiros así como debuxos e acuarelas de intelectuais destacados da historia cultural galega.

Para apoiar a Díaz Pardo e aos seus colaboradores, asistiron á inauguración máis dun cento de representantes da cultura, política e a arte galegas. Entre eles, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; Euloxio Ruibal; Encarna Otero ou Camilo Nogueira, entre outros.

Itinerario en vitrinas

A mostra inaugurada onte iníciase cunha vitrina na que aparece unha libreta de notas do pintor Ovidio Murguía, fillo de Rosalía de Castro; así como dúas pequenas acuarelas de Serafín Avendaño; ademais de escritos de Villar Ponte, dúas cartas de Miguel de Unamuno a varios editores italianos enviadas dende o seu cárcere dominicano e que foron secuestradas pola policía.

Nesta primeira vitrina, destacan tamén varios documentos sobre Castelao entre os que figuran escritos elaborados antes de xullo de 1936, outros manuscritos que redactou durante a súa estadía en Nova York así como una tarxeta postal enviada dende a cidade dos rañaceos aos seus amigos exiliados en Arxentina onde ofrece "un corte de mangas" á Estatua da Liberdade.

Na segunda vitrina, preséntanse varios debuxos e acuarelas que o IGI posúe en depósito e que foron realizados por Seoane, Maside, Souto, Colmeiro, Laxeiro, Nóvoa e Reimundo Patiño, como testemuña da creación dos mellores artistas galegos do século pasado.

A exposición, ademais, permite aos asistentes ollar documentación do Consello de Galiza promovido por Castelao nos anos 1944 e 1945 a semellanza dun goberno galego no exilio que, en principio, tería voz nas esperadas democracias de Europa tralo remate da II Guerra Mundial. Esta documentación que ofrece o IGI encóntrase pendente de clasificación e de estudo e foi depositada no Laboratorio de Formas do grupo Sargadelos "como a única institución que podía entender e gardar con calor esta historia significativa de Galicia".

Por último, hai que resaltar tamén as cartas de arquitectos como Genaro de la Fuente, Antonio Palacios ou Rodríguez Losada; as misivas enviadas por Maside a Fernández Armesto e a Fernández Mazas; as epístolas de Sotomayor, Vicente Risco, Cabanillas, Amor Ruibal, Filgueira Valverde, Aquilino Iglesias, María Casares, Celso Emilio Ferreiro, Ferro Couselo ou Álvaro Gil, entre outros 50 intelectuais, políticos e artistas. Como remate, a mostra presenta documentos, fotografías e obxectos da Guerra Civil.