23 de enero de 2008
23.01.2008

"Destruír o Instituto Galego de Información é voltar a esconder a documentación legada da institución"

23.01.2008 | 01:00
Isaac Díaz Pardo. / JORGE LEAL

Isaac Díaz Pardo fixo público onte un comunicado como resposta "a un panfleto que meteron no internet os que se apoderaron con dor da administración de Sargadelos e no que tratan de xustificar por que pretenden destruír e vender o Instituto Galego de Información". Para el, "destruír o IGI é destruír Edicións O Castro, que é o que odian maiormente, e voltar a esconder a documentación legada nesta institución".
Segundo o intelectual galeguista, durante os 20 anos nos que estivo na administración de Sargadelos "non houbo o menor problema, e iso de que en 10 anos se dilapidaron mil millóns de pesetas trátase dunha patraña para imbéciles".
Díaz Pardo sinala que a partida principal que asume o IGI é dun custo de persoal de 413.764,40 euros no último exercicio 2006. "Certo que hai outros insumos, mais hai que dicir o que se facturou e acreditou polo traballo que fai o IGI. Somentes no exercicio 2006, por unha peza estudada e configurada no IGI a Estrella Galicia, esta pagou máis de 400.000 euros".
As galerías de Sargadelos foron montadas e atendidas na súa totalidade con exposicións feitas polo IGI, e sobre todo a de Santiago supuxo unha forte inversión que asumiu o IGI.
Isaac Díaz Pardo explica neste comunicado que no IGI constrúense mobles que se venden nas galerías e diríxense e contrólanse Edicións O Castro, "un elemento que serve de propaganda aos produtos de Sargadelos". O galeguista denuncia tamén que "a xente de IGI leva nove meses sen cobrar. Os que se fixeron coa administración de Sargadelos o único que queren son os cartos".
Logo de pechar a galería de Milán e a de Porto, "o que demostra o ignorantes que son, pretenden pechar a de Sevilla e vender o local. Alá os sindicatos e os seus representantes se lles deixan facer tal estafa", engade Díaz Pardo.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook