Gemma Malvido / a coruña

A gala de entrega dos premios Chano Piñeiro tivo onte a súa anécdota cando o director Jaime de Armiñán decidiu erguer a voz contra a homenaxe que o presentador do acto, Javier Veiga, dedicou ao falecido Fernando Fernán Gómez, un berro unánime dunha das súas frases máis populares: "A la mierda". O director galardoado dixo, logo de recoller a súa estatuíña, que non estaba de acordo coa maneira que o teatro Colón de A Coruña tivera de honrar a memoria do finado. Así que decidiu realizar o seu propio recordatorio. Armiñán pediu a todo o público que se puxese en pé, cos brazos en alto, mirando cara ao ceo e facendo o saúdo anarquista, para lembrar a Fernán Gómez.

Armiñán viu o mar por primeira vez na Coruña e di que quedou tan namorado del que, dende que tiña cinco anos, sente que Galicia é a súa casa.

O director que levou as paisaxes de Praia América a Hollywood recibiu onte, de mans do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, o premio Chano Piñeiro polo seu labor de dignificar as paisaxes galegas nos seus filmes e por ser o creador alleo a Galicia que máis veces escolleu as súas terras para rodar os seus guións.

O actor José García, porén, foi selecionado polo xurado polo seu traballo de conseguir a colaboración entre a industria francesa e a galega.

"É fantástico recibir un premio cando aínda estás vivo e non unha homenaxe póstuma. Estou contento porque a próxima viaxe será para que os directores franceses descobran as paisaxes galegas e para que roden aquí os seus vindeiros proxectos", adiantou o actor premiado. "Para min este é o premio máis marabilloso que recibín, porque non me presentei a el, e non sabía sequera que existía", afirmou Armiñán, "porque é un premio que che dan por algo que tes case esquecido e o que quere dicir é que deixaches unha pegada", relatou o director, quen expresou o seu desexo de filmar a súa derradeira película en Galicia.

Pese aos malos entendidos, non faltou a música do guitarrista Cuchús Pimentel nin os acordes de Luar na Lubre, nin as mostras de cariño da actriz Amparo Baró, que asistiu ao acto así como de Ana Belén, quen mandou unha mensaxe para os premiados, enriba do escenario do Colón. Un teatro que, paradóxicamente, ten o mesmo nome que o cine no que Chano Piñeiro, de neno, aprendeu a amar a maxia da gran pantalla branca, alá no seu Forcarei da infancia.

Unha ovación particular

Un dos momentos máis emotivos da noite chegou cando á viúva de Chano Piñeiro, Mariluz Montes, recolleu de Miguel Anxo Fernández un exemplar do seu libro "Os amigos de Chano Piñeiro", unha escolma de textos escritos polos achegados ao creador das eternas obras "Mamasunción" e "Sempre Xonxa".