11 de octubre de 2007
11.10.2007

Iolanda Zúñiga, Escritora: "A escritura é unha terapia cando estás no submundo"

11.10.2007 | 02:00
Iolanda Zúñiga, fronte ao obxectivo. / tony de lis

Iolanda Zúñiga (Vigo, 1975) tende ao pesimismo, leva unha tatuaxe na parte posterior do pescozo e un corazón no antebrazo; lanza palabras como balas unha metralleta e non aburre. Este outono, esta zanfonista, actriz, fotógrafa e loitadora abriu unha nova xanela na literatura galega coa súa colección de relatos "Vidas Post-it" de Xerais na que fala das "vidas de quita e pon, vidas mínimas, secundarias".
- No libro, escrebe "música, ferramenta para a subsistencia". É desa clase de persoas que non pode vivir sen a música?
- Non podo. Estudei música desde os sete anos ata os 15 no conservatorio. E ademais son a típica que levo sempre os cascos excepto para comer e ducharme. Eu se tiña que terme adicado a algo era á música, así que no libro, decidín titular os relatos como tempos músicales.
- "Vidas post-it" é a súa primeira obra.
- Sí, primeira obra que leva escrita catro anos. Empezou de broma. Eu traballaba nun fastfood e entre plato e plato ía escribindo.
- A verdade, é que ma imaxinaba así.
- ¿Sí? Pois é certo. O primeiro relato xurdiu cando estaba pasando por un desamor e un día onde traballaba estaba vendo a unha parella morreando ata morrer e a partir de aí escribín o resto. En total, debín tardar seis meses. Levei todo a Xerais e esquecinme do tema. Un ano despois chámanme e dinme: `Vaise publicar´. E pasaron dous anos.
- A súa escrita ten un ritmo trepidante.
- Intentei que fora veloz pero con palabras concisas, con dureza porque na vida diaria no cotián hai cousas que son tremendas.
- Nos relatos, fala do desamor, das drogas, das expectativas perdidas ¿Teñen todas as historias base real?
- Hai moitos. Por exemplo, hai un que di `A Arancha roubáronlle o cordón umbilical´, esa historia é verídica 100%, contoumo unha compañeira de traballo. E o de `Me llamo Chechu y tengo una depresión´, foi tal cal. Despois hai cousas que me pasaron máis ou menos pero lle boto ficción. Calquera pode escribir un libro de relatos así, anécdotas hai tantas...
- Unha cousa é que as haxa e outra escribilas.
- Para min, a escritura foi unha terapia. Eu estaba no meu submundo e empecei a escribir por iso.
- Vostede é unha filósofa non académica?
- Non son nada filósofa. O que sí son é realista e tendo ao pesimismo.
- Déame unha fórmula máxica para fuxir do consumismo que critica.
- Non hai porque é un problema de xeracións. Hai que vivir con iso pero ser conscientes de que existimos como individuos.
- Agora me explico porqué colle sempre os seus personaxes nun día gris.
- Iso gustoume... (risas) Sí, son unha rata que rabuño no peor do humano.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook