Expoñente da difusión da cultura underground en Galicia, Paco Macías dirixe Edicións Positivas, unha aposta por dar luz ás creacións de menor difusión, de maior risco, abrindo novos espazos para o libro galego.

-Editar en Galicia é doado ou unha aventura?

-Eu editei porque me gustou, porque me gusta editar, nunca o tomei como unha aventura, eu non creo en heroes, creo na xente normal e ser heroe é duro, moi complicado, non paga a pena.

-Como comezou este proxecto?

-Empezamos en decembro de 1990, eu traballaba nunha empresa de drobraxe en Santiago (que lle chamabamos a Mouro Golden Mayer porque o dono é un árabe) e levaba alí moito tempo, xa non tiña ilusión porque non quedaba moito que aprender e como sempre me gustou o mundo da lectura e do libro pensei que esa era a miña oportunidade. Xusto ahí meus pais venderon un piso en Barcelona por dous millóns de pesetas, déronme un millón e dixen "esta é a miña". E así empecei.

-Di que non aprendía moito porque precisamente foi un dos primeiros profesionais da dobraxe de Galicia.

-Fun o primeiro traballador da dobraxe de Galicia. Explícome: dobrador é unha persoa que pon a voz pero antes hai que facer o traballo de tradución e a adaptación de textos, antes de que cheguen os dobradores, e iso foi o que fixen.

-Que pretende ser Edicións Positivas?

-Unha pregunta tremenda (risas): pretende publicar aquelo que nos guste, nada máis, e apoiar á xente que en Galicia escribe moi ben -e xa hai unha morea- e non publicar tamén aquelo que non os parece publicable. Porque o gran reto que ten hoxe o mundo editorial galego é non publicar, publícanse cousas que mellor era que non aparecesen.

-Cómo se fai a selección dos autores?

-Difícil, é o peor deste traballo: decirlle a unha persoa que non, a xente ás veces non o entende e ti sabes que te podes equivocar tamén. Despois hai cousas que che gustan pero que non entran na liña editorial e esta editorial ten unha liña, se non entra pois non entra e hai xente que non o entende. Eu, que son o que escolle os títulos, conxugo dous factores: a calidade lingüística, porque a literatura é lingua ou senón non sei que é, e segundo factor é que a historia que se conta teña unha certa forza.