A tradición oral galego-portuguesa non formará parte, alomenos polo de agora, da lista de obras mestras do patrimonio inmaterial da humanidade. Inda que si están incluídas as tradicións orais dos pigmeos akas da República Centroafricana ou o patrimonio oral de Gelede (unha comunidade situada entre Benin, Nixeria e Togo), a candidatura propiciada dende os centros educativos de Galicia e Norte de Portugal por iniciativa de "Ponte... nas Ondas!" chegou onte á final en París, pero aí quedou. Foi desestimada pola Unesco por ser demasiado ampla.

A mesma mala sorte tivo o patrimonio flamenco-andalusí, pero entre os 43 novos afortunados que se suman ós 47 xa existentes (proclamacións de 2001 e de 2003) si se inclúe dende onte a festa de La Patum de Berga (Cataluña). Nembargantes, a representación política galega, a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, e o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, non foron catastrofistas, se ben a responsable de Cultura non agachou a súa "decepción".

De calquera xeito, Bugallo destacou que, malia non obter a proclamación por parte da Unesco, iniciouse un proceso de revitalización da nosa cultura. "Que a nosa riqueza cultural chegase ás institucións internacionais é xa un éxito en por si", sinalou, para engadir que a proclamación "non era unha meta, senón un punto de partida para seguir promovendo o noso patrimonio".

Apoio incondicional

"O máis importante é que continúe a revitalización do país", sinalou Quintana, quen comprometeu o "apoio incondicional do Goberno galgo para que o espazo cultural galego-portugués se manteña e se promocione". Ademais, o vicepresidente felicitou ó colectivo "Ponte... nas Ondas!" por facer "o que durante moito tempo as administracións non foron quen de facer".

Santiago Veloso, o presidente da Asociación "Ponte... nas Ondas!" tamén destacou que o éxito foi "chegar coa candidatura ata aquí". Agora trátase de "facer un esforzo de síntese para presentar a nosa candidatura reformulada", explicou, en alusión ó motivo polo que foi desestimada.

Nestes anos de traballo, o proxecto centrouse nos aspectos "comúns" entre ámbolos dous lados da fronteira, sobre todo na oralidade vencellada ó ciclo agrario e á natureza e reflexada en cantigas, ritos, símbolos ou xogos que comparten Galicia e Norte de Portugal.

No futuro a Unesco xa non aceptará iniciativas deste tipo da sociedade civil, senón a través dos gobernos. Mentres, o patrimonio galego, segundo Luís Bará, director xeral de Creación e Difusión Cultural, será respaldado por un plan que implica accións de investigación e de divulgación.