Hoxe celébrase o día internacional da tradución. Todos os países queren dar a coñecer os escritos dos seus autores en todo o mundo. Nos territorios que teñen máis dun idioma, fomentalo, coidalo e promovelo é fundamental. Este é o obxectivo da Consellería de Cultura e Educación, dentro do seu programa de Dinamización, coa creación do portal web Portico Of Galician Literature. Trátase dunha páxina creada para dar a coñecer no exterior os escritores da literatura galega, a través de fragmentos traducidos das súas obras.

Entre os autores que colaboran no portal, sumáronse no último ano cinco dos grandes escritores das letras galegas como son Rosa Aneiros, Xavier Queipo, Elena Gallego, Anxos Sumai e Diego Ameixeiras, que englosan a lista de nomes como Suso de Toro, Fina Casalderrey ou María Reimóndez, membro tamén da Asociación Galega de Tradución.

Un escaparate anglosaxón

Algunhas das obras que se atopan na web son "Papaventos" e "Así nacen as baleas". Contan tamén cunha breve síntese en inglés e un total de 40 páxinas traducidas.

Algunhas das novelas que si están traducidas na súa totalidade son "O lapis do carpinteiro" de Manuel Rivas, "Memorias dun neno labrego" de Xosé Neira Vilas ou "Merlín e familia" de Álvaro Cunqueiro.

A tradución está a vivir un dos seus momentos de maior auxe. José Luis Morais, secretario da Asociación Galega de Tradución afirma que nos últimos anos fíxose imprescindible, é todo grazas a globalización. "Moitas veces non nos damos conta, pero a tradución está moi presente nas nosas vidas, dende unha simple caixa de galletas ata calquera dispositivo electrónico como software, programas ou mesmo contratos. Xa non só contamos coa literaria que soe ser a máis coñecida, é máis, nos últimos anos, a tradución tecnolóxica estalle gañando o pulso o literaria", afirma José Luis Morais.

A pesares de estar na cúspide, en Galicia, "o sector da tradución na nosa comunidade necesita das axudas e colaboración de organismos. Ademais moitos consumidores non piden a tradución en galego, con tal de que o entendan, xa está. Este é quizais o maior problema", engade Morais.