27 de junio de 2015
27.06.2015
Terna de finalistas

Manuel María, Carballo Calero e Xela Arias, candidatos ás Letras Galegas do 2016

O plenario da Real Academia Galega reunirase o vindeiro 4 de xullo na sede da institución para decidir cal dos tres, dous poetas e un filólogo, será o próximo homenaxeado

27.06.2015 | 04:55

A próxima gran festa da cultura galega terá nome propio a partir do vindeiro sábado 4 de xullo, data na que o plenario da RealAcademia Galega (RAG) se reunirá na súa sede para decidir quen será o homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2016, logo de que a institución académica dera a coñecer onte as candidaturas que conseguiron os avais. Entre os poetas lucenses Manuel María e Xela Arias, e o escritor e filólogo ferrolán RicardoCarballo Calero -primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago- estará o elixido.

A institución académica desvelou onte as candidaturas que conseguiron os avais e anunciou que o plenario se reunirá na sede o próximo sábado 4 de xullo para tomar unha decisión sobre a figura á que dedicará as Letras Galegas do próximo ano, e que se fará pública ese mesmo día. Estas tres figuras xa foron candidatas durante o proceso do que resultou elixido Xosé Filgueira Valverde como homenaxeado de 2015, e que suscitou certa polémica entre un sector da sociedade galega.

Traxectorias

A traxectoria de Xela Arias Castaño (Lugo, 1962-Vigo, 2003), falecida con solo 41 anos de idade, estivo marcada pola súa obra poética, formando parte do primeiro equipo de Edicións Xerais. Dos seus textos e publicacións, destaca a edición do seu poemario Tigres coma cabalos, unha obra que xerou impacto no panorama literario galego no ano 1990. Ademais da súa faceta poética, Arias dedicouse á tradución ao galego de diversos autores como Jorge Amado, Camilo Castelo Branco, James Joyce, James Fenimore Cooper ou Wenceslao Fernández Flores. Tamén escribiu relatos, algúns deles pódense encontrar dentro da obra Contose eróticos/Elas (1990).Foi finalista do premio Esquío de Poesía en 1986 con Lili sen pistolas.

O ferrolano Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910-Santiago de Compostela, 1990) destacou, pola súa banda, polo seu carácter polifacético. Licenciado en Dereito e en Filosofía e Letras, foi primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago (USC), exerceu como secretario do Seminario de Estudos Galegos, destacou como defensor do reintegracionismo, e estivo dedicado tanto ao ensaio, coma á narrativa, a poesía ou mesmo ao teatro. En 1931 participou na creación do Partido Galeguista e contribuíu ao anteproxecto de Estatuto de Galicia.

Pola súa banda, a vida de Manuel María (Outeiro de Rey, 1929-A Coruña, 2004) caracterizouse tanto por unha extensa obra poética coma polo seu profundo compromiso político co nacionalismo galego e a recuperación da cultura galega en clandestinidade, durante o franquismo. Os temas dos seus textos abordan dende a voz existencialista e o amor, ata o compromiso social e político. Foi colaborador de Burla Negra e a Plataforma Nunca Máis tras a catástrofe do Prestige.

O comité de estudiantado da facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña (UDC), tras un incansable traballo, logrou que a aula 1.1 pasase a denominarse Aula Manuel María, en honor ao poeta e á súa profunda colaboración coa facultade e o comité de estudantes en particular. A apertura popular organizada polo comité levouse a cabo o 22 de outubro de 2008, catro anos despois do seu falecemento, coa presenza de amigos do poeta como Marica Campo ou Lois Diéguez, e da súa viúva, Saleta Goi.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Noticias relacionadas

 
Enlaces recomendados: Premios Cine