A vida corre, voa moi á présa e, cando chegamos a un termo, facemos unha lembranza de todo o percorrido. E cando alguén que coñeciches chega ao límite da súa carreira e é unha persoa importante e recoñecida, transmítenos unha dor moi grande: non retornaremos ás vivencias do camiño, o que nos fai cavilar que todo o pasado mantémolo no presente e a morriña sentirémola no futuro do noso tempo.

Hoxe falamos de María do Carme Kruckenberg, e queremos render unha homenaxe á súa persoa, ao que representará sempre para toda a sociedade.

A súa biografía é tan extensa como valorada, fóra de Galicia e nesta terra tan querida para ela, onde viviu as súas inquedanzas e mais as saudades dun pasado que non retorna, pero que contribuíu a enriquecer por dentro e por fóra a esta muller que representa a unha xeración do mundo da poesía, da cultura, e que transmite mellor ca ninguén eses sentimentos, esas realidades a través do tempo. Xenio e figura! Ela é insuperable.

Poeta recoñecida, ten recibido moi diversos premios e mencións honoríficas de gran valor, outorgadas por diferentes colectivos e organismos públicos e privados de todo o estado.

É unha grande da poesía e aínda máis grande como persoa, supera todo o previsible. Coñecela foi moi gratificante, a súa categoría humana non é doada de atopar: a súa sensibilidade, a súa tolerancia, a súa maneira de facer, de traballar. Amiga impagable de todas e todos.

En CC OO estimamos moito a Mª do Carme Kruckenberg, na nosa lembranza queda o testemuño da súa constancia e agarimo no traballo realizado. A Unión Comarcal de CC OO de Vigo tamén recoñeceu o seu labor social no ano 2009, outorgándolle o Premio 1.º de Maio ao Compromiso Social e a Solidariedade.

A antoloxía poética Elas, que elaboramos ao longo de dez anos e que ela coordinaba, contou coa participaron das mellores poetas de Galicia e forma parte importante do arquivo do Sindicato. Con toda a forza que Elas representa, polo seu contido e por todas as persoas que tiveron a oportunidade de compartir momentos emocionantes, por todo o tempo que nos dedicaches, estarás sempre viva na nosa memoria e xamais deixaremos de lembrar que Elas sempre estarán para amainar tempestades sen medo á travesía do tempo.

"A Nostalxia non matina, non sabe,non entendeDos pasos invisiblesApodérase do corpo, inutiliza os labios, a mirada,O tacto das mans..."

Con todo o agarimo, D.E.P.

*Secretaria de Igualdade da Unión Comarcal de CC OO de Vigo