16 de mayo de 2015
16.05.2015
DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015

Día das Letras Galegas 2015: A paisaxe íntima do sabio Filgueira Valverde

Neno ávido de lecturas, mozo prodixio, traballador inesgotable e fidel namorado da súa muller e fillos; así era o home tras o erudito

16.05.2015 | 21:24
Xosé Filgueira Valverde nunha das salas do Museo de Pontevedra, en 1992. // Ricardo Grobas

Unha despedida con honores

  • No último ano da súa dilatada traxectoria vital, cando o deterioro da súa saúde era notable, Filgueira Valverde recibiu multitude de recoñecementos e as máis altas distincións de Galicia. "Son a persoa máis agasallada de Galicia, non te das unha idea co agarimo que me trata todo o mundo", confesoulle ao seu fillo. Entre as mencións máis prestixiosas destacan o Premio da Crítica como Galego Egrexio (1995); os honoris causa polas Universidades de Santiago e Vigo (1996), o Premio das Artes e das Letras (1996); a Medalla de Ouro ao Museo de Pontevedra (1996); medalla de ouro das cidades de Santiago e Pontevedra; fillo predilecto da súa urbe natal (1996); e mesmo lle dedicaron unha rúa da capital do Lérez (1996). "Filgueira acadou os honores en vida. El era un home modesto, e sentiuse francamente recoñecido", agradece Fernando Filgueira.

Milleiros de páxinas describen o inmenso labor do honrado neste Día das Letras Galegas, Xosé Filgueira Valverde. Xunto co Padre Sarmiento e Otero Pedrayo -quen ademais eran os seus referentes- foi un dos meirandes polígrafos da nosa literatura. O seu saber enciclopédico non tiña comparación, nin sequera coa súa abnegación polo traballo.

Valedor la cultura galega en tempos escuros, pai do Seminario de Estudos Galegos, director do Museo de Pontevedra e alcalde da capital do Lérez foron os fitos máis relevantes da súa longa e prolífica traxectoria. Farodevigo.es explora un terreo menos coñecido e, da man do seu fillo Fernando Filgueira Iglesias, adéntrase na paisaxe vital íntima do "vello profesor".

Neno lector e mozo prodixio

Xosé Filgueira Valverde foi fillo único. Non tiña irmáns con quen compartir xogos así que atopou nos libros os seus mellores amigos. "Non foi un rapaz barulleiro, foi moi lector e melómano", explica Fernando Filgueira, o seu fillo e presidente da fundación na súa honra.

Sempre estivo rodeado de xente maior ca el, polo que desde neno mamou as tertulias do seu entorno familiar. Xa no instituto tivo como profesores a grandes persoeiros da cultura galega: Castelao e Losada Diéguez, sen dúbida quen máis marcou o seu pensamento. O mozo Filgueira participaba xa activamente nas súas reunións, de aberto carácter galeguista, e alí debatía con Sánchez Cantón, Iglesias Vilarelle, o autor de "Sempre en Galiza" e o propio Losada.

Non é extraño que cando chegou a Santiago para estudiar Filosofía e Letras demostrase un calado intelectual impropio dun rapaz de 17 anos. Cunha determinación inquebrantable funda o Seminario de Estudos Galegos, e invita a formar parte del aos homes que naquel momento despuntaban na súa defensa da cultura galega arredor da revista Nós: Risco, Otero Pedrayo, Castelao...

Nesta época prodúcese a primeira colaboración con Faro de Vigo, unha relación que se extenderá ao longo de case 70 anos. Con 19 publica o seu primeiro escrito e desde entón non soltará a pluma. A longo da súa vida Filgueira Valverde elaborou máis de 2.000 publicacións e pronunciou unhas 4.500 intervencións en cursos e conferencias.

A súa curiosidade non tiña fondo, o que o levou a investigar e escribir sobre os máis diversos temas: antropoloxía, historia, arte, lingua, literatura, música... Foi, xunto ao Padre Sarmiento e Otero Pedraio, un dos maiores polígrafos da nosa cultura.

Trala morte do seu pai, Fernando Filgueira comentou: "Sinto que me morreu a enciclopedia", en referencia aos inmensos saberes que atesoraba o "vello profesor". "Podías preguntarlle de todo, cando tiñas unha dúbida, ías onda el. A xente empregábao como o google de entón", recorda.


Fernando Filgueira e a súa muller, na súa casa vendo o álbum familiar.

Fai clic para ver o vídeo

Os seus tres amores

Filgueira Valverde foi un home de compromiso. O pasaxeiro non ía con el. O seu primeiro amor foi a súa cidade, Pontevedra, na que residiu a inmensa maioría da súa vida, salvo os anos de estudante en Santiago e os anos da Guerra Civil, que o colleu como profesor en Lugo. A capital do Lérez foi protagonista de ducias dos seus libros e fonte da súa inspiración.

Durante a súa etapa como alcalde (entre 1959 e 1968) esforzouse en salvar da piqueta e do "urbanismo desarrollista" o casco histórico, hoxe declarado Ben de Interés Cultural (BIC). O seu mandato non estivo exento de polémica, quizais máis viva agora que naqueles tempos. O feito de gobernar baixo o franquismo, de recibir ao ditador na cidade, ou de defender a instalación de Ence en Lourizán son as sombras que máis escurecen a súa figura.

"Aínda que Filgueira estivera de alcalde, Filgueira non era do grupo. Era un outsider", insiste o seu fillo e presidente da fundación na súa honra. "Tiña xente leal, dentro da corporación, que o respaldaba, pero tamén tiña xente en contra". Fernando recorda os últimos anos de rexidor do seu pai como os máis baixos anímicamente: "Viñéranlle moitas cousas enriba. Había certas liortas entre os concelleiros... El pedira que o relevaran pero non o fixeron... Iso custoulle moitos desgustos", explica.

O Museo de Pontevedra foi o seu meirande proxecto vital, ao que estivo unido gran parte da súa vida e do que foi director durante 46 anos. Xa no 1929 entrara no seu padroado como secretario. Filgueira concibiu o centro non como un almacén de reliquias senón como una institución con vida, que dese acubillo ao patrimonio galego e que servise de centro de documentación para os investigadores, una vena tan marcada nel.

Xunto aos seus colaboradores conseguiu que dúas das xoias que hoxe garda o museo quedasen en Galicia: o "Tesouro de Caldas" (un conxunto da Idade de Bronce formado por un peite, tres vasos e 28 aneis de ouro) e a obra de Castelao.

Pero a unión máis ditosa foi a que mantivo con María Teresa Iglesias Oscáriz, con quen a piques estivo de cumprir as vodas de diamante. Coñeceuna durante a súa etapa como profesor en Lugo e nunca máis volverían a separarse. Xosé atopou nela o seu "alter ego". "Miña nai sempre lle facía un pé; iso é importantísimo na vida. Era una parella cortiza, é dicir, que facía que meu pai flotase polo río da vida", describe Fernando Filgueira.

"Para min, traballar é vivir"

Moi coñecida era a abnegación polo traballo do "vello profesor". "Os días para Filgueira parece que tiñan 36 horas", di Ferro Ruibal nunha biografía sobre o polígrafo. A actividade do erudito non coñecía límites e chegou a simultanear o seu cargo como director de instituto co de máximo responsable do Museo de Pontevedra e co de alcalde. "No despacho de meu pai había tres mesas: unha para a correspondencia e cousas de rutina, outra para traballar con varios libros á vez e a mesa da máquina. E ía pasando dunha actividade á outra", recorda Fernando. "Pasaba moitas horas traballando. O despacho del estaba realmente na casa familiar. Tiña outro no museo. Pola mañá estaba no instituto, e cando foi alcalde a medias entre os dous. Dedicáballe un tempo ao museo e outro ao traballo na casa. Moitas veces os traballos tamén os facía no museo, porque a biblioteca de alí era bastante mellor ca del", describe Fernando a rutina laboral do seu pai.

"Complicado e grato", así resume o actual director do Museo de Pontevedra e discípulo de Filgueira como era colaborar co polígrafo. "Complicado porque era unha persoa de moitos saberes e de múltiples actividades. E grato porque sabía moito e transmitíao. Os proxectos sempre eran froito do diálogo. El podía ter unha idea, e seu non a compartía e argumentaba chegabamos un acordo", explica Carlos Valle. "Un dos seus acertos na vida foi saber rodearse de equipos e están atento ao que opinaban", engade. Unha percepción que comparte Fernando Filgueira: "A súa sorte foi que sempre tivo moi bos colaboradores. Apoiouse nun montón de xente que o axudaron a manter as institucións que foi creando vivas".

Era tal a paixón do "sabio" polo seu labor que na derradeira entrevista que concedeu a Faro de Vigo -medio ano antes do seu pasamento e con 89 anos- declara: "Os que traballamos é que non servimos para outra cousa. Para min, traballar é vivir. O día que non poida traballar, deixaría de ser eu".

Ao final dos seus días, no discurso de investidura como doutor "honoris causa" pola Universidade de Santiago, resumiu a súa existencia nunha proclama vital: "Para tan largo amor é curta a vida".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Noticias relacionadas