10 de mayo de 2015
10.05.2015

Case 70 anos con FARO

Os artigos do "vello profesor" no diario decano pola defensa e difusión da cultura galega abrangueron case a totalidade do século XX

10.05.2015 | 19:08
Retrato de Filgueira Valverde trazado por Castelao. // FdV

Foi un apaixoado e inesgotable amor polas letras o que mantivo unido o matrimonio de Xosé Filgueira Valverde con Faro de Vigo. As colaboracións do maior erudito da cultura galega extendéronse 69 anos e a piques estiveron de festexar as vodas de titanio, así chamadas pola forte de resistencia deste metal.

A primeira publicación do chamado "vello profesor" en Faro aparece o un de outubro de 1925: una columna na que o precoz escritor, de 19 anos, presenta o Seminario de Estudos Galegos, entidade que fundara dous anos antes e á que se uniran os grandes nomes da literatura galega: Otero Pedrayo, Vicente Risco, Castelao, López Cuevillas e Cabeza de León, Gómez Román... Nesta breve peza lamenta a falta de apoio oficial e a escasa cooperación do pobo galego froito do descoñecemento do seu labor. Non obstante, nestas liñas mostra xa o seu carácter optimista ao aludir á "obra de traballo e de ensino non denantes sospeitada" que na súa corta vida viñan realizando "paseniño".

O ano 1926 comeza con outro texto de Filgueira (1.1.1926) no que louba a defensa que a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra fai das ruínas do convento de Santo Domingo. Esta peza publícase ao carón do retrato dun labrego asinado por Castelao, quen fora profesor seu no Instituto de Pontevedra.


As historias de Filgueira continúan poboando as follas do diario decano ata iniciaren unha sección fixa en 1947. A serie "Aquí, Galicia" estréase o 27 de abril dese ano con "Cal y canto", un alegato a favor da recuperación das fachadas graníticas dos edificios galegos, soterradas baixo a cal e a argamasa que se puxera de moda.

Case trinta anos despois, "o vello profesor" comeza a asinar a súa serie de artigos máis famosos, os "Adral" que Díaz Pardo recompilará en nove volumes. O primero sairá á luz o 24 de abril de 1976 baixo o título de "Entendedor de Compostela", unha homenaxe a Ramón Otero Pedraio, falecido días antes.

Esta colaboración manterase cunha periodicidade semanal ata o un de outubro de 1986, casualidade ou non, xusto 61 anos despois da súa primeira publicación en Faro. "Das oliveiras" pon fin en Faro a esta serie de máis de douscentos artigos cun estudo histórico sobre estas árbores, case desaparecidas en Galicia por aquel entón e que tanta presencia e relevancia tiveran na nosa aterra ata o século XVIII.

Este adeus coincide coa súa despedida do Museo de Pontevedra, anunciada poucos días antes. Con case 80 anos, Filgueira pechaba un ciclo e deixaba en mans do seu máis sobranceiro discípulo, Carlos Valle, un dos seus máis importantes e sólidos proxectos, aquel no que volcara parte da súa vida desde que entrara como secretario en 1929 (dous anos despois de que se crease).

A partir de entón, Filgueira colabora de forma puntual con Faro. Asina un estudio sobre as pontes do Lérez (5.7.1987); unha reportaxe sobre a primeira proposta de declaración dos Ancares como parque nacional, que fora liderada por Luis Iglesias en 1929; e tres artigos polos aniversarios de Faro de Vigo.

Así, o 3 de novembro de 1988, o xornal vigués estaba de celebración, e con motivo da efeméride Filgueira publicou "As miñas lembranzas neste 135 aniversario de Faro de Vigo". "Din que son o máis veterán dos colaboradores", iniciaba o seu texto. O diario decano retratou o biografía do "titán" las letras galegas desde os seus primeiros latexos, dando noticia do seu propio nacemento: "Foi a crónica siareira da miña vida, con agarimosos alaudos e ningún aldraxe. (€) Sempre fun da casa, tanto que Baliño Ledo chegou a ofrecerme a dirección. Honroume a proposta, máis, preferín, a cátedra e o Museo de Pontevedra", recorda.

E así ao longo das décadas son miles as noticias sobre o inmenso laboral cultural e político de Filgueira. Un repaso pola hemeroteca do Faro convértese nunha biografía en presente do "vello profesor".

Anos despois, volve insistir no seu idilio de titanio co xornal nun artigo polo seu 140 aniversario: "Levo oitenta e catro anos lendo o Faro de Vigo. De neno, calquera xornal era para min un 'Faro'".

A derradeira colaboración deste "titán" da cultura galega ten lugar o 20 de abril de 1994, dous anos e medio antes do seu pasamento. Por aquel entón Faro de Vigo celebraba a publicación do seu exemplar 50.000, e Xosé Filgueira Valverde quíxolle dedicar de novo unhas palabras agarimosas: "Neste tempo pasaron, día a día, polas miñas mans e baixo os meus ollos, non menos de 25.000 'Faros', na xeira cotiá, sen contalos moitos que vellos que teño repasado nas coleccións (€). É o amigo seguro que, sen falla, nos abre, cada mañá, as fiestras do entorno e do mundo (€). Non hai número do Faro de Vigo, neses cincuenta mil que hoxe festexamos, que non teña algo que poida atraer ao investigador, ao home de letras, ao curioso. Por eles podemos acada-lo milagre de desandalo tempo".

Neste Día das Letras Galegas, cumprimos as palabras do "vello profesor" e devolvémolo á vida a relendo os seus escritos; traendo ao presente o seu espírito que latexa na memoria do Faro de Vigo.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Noticias relacionadas