Fondos documentais e bibliográficos do polifacético Xosé María Álvarez Blázquez serán expostos en Vigo, xunto con manuscritos de poemas, recortes de prensa e traballos de investigación do autor -moitos inéditos para o gran público- e fotografías, co gallo co centenario do seu nacemento. A escolma de documentación, en gran parte depositada na Fundación Penzol tras ser cedida polos herdeiros, xunto con outra que aportan agora os familiares, ten a vontade de amosar unha síntese de todas as facetas e vertentes que abarcou o prolífico autor tudense de nacemento, aínda que vigués de sentimento.

A Fundación Penzol, o Concello de Vigo -cidade da que no seu día foi cronista oficial- e máis a familia de Xosé María Álvarez Blázquez celebran o centenario da chegada ao mundo do intelectual e galeguista cunha exposición que rememora a súa vida e obra.

A mostra "Centenario Xosé María Álvarez Blázquez. Construtor dunha cidade de libros. Tui, 1915 - Vigo 1985" inaugúrase hoxe na Casa Galega da Cultura cun acto no que intervirá o presidente da Fundación Penzol, Alfonso Zulueta de Haz e o fillo de Álvarez Blazquez, Xosé María Álvarez Cáccamo, en representación do comisariado e da familia do homenaxeado.

A exposición permanecerá aberta ata o 17 de maio. Unha das comisarias da exposición e padroeira da Fundación Penzol, María Dolores Cabrera explicou que se busca "poñer en valor fondos documentais legados á Fundación polos familiares, que aínda non se amosaran ao público" e agora xa están catalogados e inventariados.

O seu fillo -tamén comisario da mostra- Álvarez Cáccamo, incidiu en que "hai moito material inédito" e uha das partes da exposición recrea unha biblioteca, precisamente o lugar de traballo predilecto de Álvarez Blázquez. Exemplo de home erudito e culto, que ao longo da súa prolífica vida e coa súa inmensa capacidade de traballo, desenvolveu diferentes e complementarias actividades profesionais e vocacionais: escritor e crítico literario, editor e libreiro, arqueólogo e historiador, docente e colaborador en medios de comunicación ou conferenciante, entre outras. Facetas, todas elas, encarreiradas a un fin concreto: a difusión e posta en valor da nosa lingua e da nosa cultura. Fiel aos seus ideais galeguistas dende a mocidade, malia os adversos tempos que despois lle tocou vivir, foi sempre un home comprometido co seu país. "Comprometido co futuro da Terra", tal que el mesmo gustaba de dicir.

Baixo o título "Centenario Xosé María Álvarez Blázquez. Construtor dunha cidade de libros", a Fundación Penzol, o Concello de Vigo e mais a familia do homenaxeado amosan ao público os valiosos fondos, tanto bibliográficos como documentais. Son achegas "de extraordinario valor testemuñal para unha maior comprensión do proceso de pescuda e de creación deste namorado dos libros", aseguran desde a organización do acto.