"O meu pai hoxe ten cen anos e un día. E segue vivo". Así comezou Xosé María Cáccamo, poeta e fillo de Xosé María Álvarez Blázquez (Tui, 1915-Vigo, 1985), un sentido repaso biográfico e fotográfico á memoria do seu pai: "Segue vivo na memoria de todos os que o quixemos e tamén na súa literatura. Está vivo en Vigo, na rúa que leva, o seu nome ao pé do monte Castro, e na memoria da cidade". Os oíntes do discurso eran, a maioría, medio centenar de mozos duns 17 anos, quizais como testemuñas de que a pegada do autor -vigués de sentimento- segue a prender entre as máis novas pólas.

A figura de Álvarez Blázquez, que xa fora honrado no Día das Letras Galegas de 2008, viviu onte unha homenaxe organizada pola Fundación Penzol, que consistiu nun "acto académico- escolar" e tivo varios momentos emotivos. Un deles, a interpretación musical feita por alumnos de 1º e 2º de Bacharelato de Artes Escénicas e Musicais do IES Alexandre Bóveda, e baseado nos poemas do escritor, crítico, investigador e docente. Reinterpretaron "Cantiga de denantes e de agora" e "Don Álvaro de Soutomaior", composicións do "Falso cancioneiro de Monfero" inventado por Blázquez e outras dúas composicións inspiradas nos seus poemas. Contaron coa presenza do profesor do centro, Antón Piñeiro.

No acto estiveron tres fillos do autor de "A pega rabilonga e outras historias". Blázquez foi unha persoa moi ligada a Vigo, onde viviu dende o ano 1941 ata o seu pasamento e onde desenvolveu a meirande parte da súa vida e dos seus empeños profesionais e vocacionais. Na cidade olívica rexentou dende 1948 a libraría anticuaria Monterrey, e fundou despois a editorial do mesmo nome. Despois viría Edicións Castrelos (1968), cos populares libriños de "O Moucho", onde Blázquez publicou unha parte das súas propias obras en galego

Pero foi a padroeira da Fundación Penzol, María Dolores Cabrera, quen destacou a vertente máis polifacética e culta do autor. Cronista oficial de Vigo, tamén conferenciante, escritor, arqueólogo e editor -entre outros títulos, de "O catecismo do labrego", de Lamas Carvajal-, o espírito erudito e de "coleccionista de saberes humanistas" quedou de manifesto.

Agora que se celebra o centenario do seu nacemento (4 de febreiro), Cabrera incidiu en que Blázquez estivo ligado á Fundación Penzol dende antes xa da creación desta en 1963, pois mantivo dende que abriu a súa libraría de vello unha relación como provedor de fondos, co bibliófilo Fermín Penzol. E logo do seu falecemento a súa familia decidiu doar a parte dos seus fondos: documentos de traballo, intervencións de prensa e ata unha colección de selos. "Son máis de cen carpetas con 2.200 documentos legados á Fundación, con portadas feitas a man, entre os que están o seu último artigo publicado en FARO a finais de febreiro e sobre o Entroido, e ata unha colección de selos", destacou a experta sobre o "incansable" investigador. "Hoxe, xa inventariado o material é consultable nas nosas instalacións para aqueles interesados", enfatizou.

"¡Había tanto que facer!", disque escribiu Álvarez Blázquez no prólogo cando, máis de vinte anos despois de escribir o seu terceriro poemario "Canle segredo" (e de que fora premiado) o publicou, en 1976. "El sentíase con esa obriga moral con Galicia e traballou de xeito polifacético. Todas as actividades que fixo estaban encamiñadas a poñer en valor a nosa lingua e cultura. Foi un home comprometido co seu país".