O ensaio é sinal da madurez dunha lingua. Así o destacaron os promotores do premio Ramón Piñeiro de Ensaio para enfatizar que, pese a que é un xenero minoritario, o que se distingue é a excelencia.

O galardoado nesta edición, Luis García Soto, lamentou que non se publicara máis ensaio pero explicou que entende que o libro ten agora mesmo un problema que é a crise. "Moito máis que as novas tecnoloxías, porque ao final estas aumentan a difusión", engadiu.

Para este profesor de Filosofía as razóns de que baixaran as ventas de libros son puramente económicas. "Do primeiro que se prescinde cando hai crise é de comprar libros. Eu véxoo porque os meus alumnos teñen moitas dificultades para comprar os manuais de texto", aclara.

A obra galardoada dedicada a Roland Barthes coincide co centenario do nacemento do escritor francés e ademais neste ano tamén se cumpren cen anos dende que Ramón Piñeiro, intelectual galego que dá nome aos premios que se fallaron onte, nacera en Láncara, na provincia de Lugo.