20 de enero de 2015
20.01.2015

O profesor Luis García gaña o premio Ramón Piñeiro de Ensaio cunha obra sobre Barthes

»O galardoado é escritor e imparte clases de Filosofía na Universidade de Santiago »O xurado destaca o seu "estilo pedagóxico" para abordar a figura do semiólogo francés

20.01.2015 | 04:55
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, con Olivia Rodríguez (membro do xurado), Amalia Baltar (de Gas Natural Fenosa), Victor Freixanes (Galaxia) y Carlos Lema (do xurado). // X. Álvarez

Luis García Soto, licenciado en Dereito e doutor en Filosofía, foi galardoado onte co Premio Ramón Piñeiro de Ensaio coa obra de "Barthes Filósofo". O galardón, que é outorgado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e máis pola Editorial Galaxia en colaboración con Gas Natural, está dotado con 3.000 euros e máis coa publicación da obra. O gañador desta XIV edición é un profesor da facultade de Filosofía da Universidade de Santiago que abordou a obra do filósofo, escritor e semiólogo francés dende unha perspectiva pedagóxica e tamén dende "unha aposta persoal e subxectiva", segundo valorou o xurado.

Este premio nace en memoria do escritor e filósofo galego Ramón Piñeiro e acóllese ao espírito que inspirou a traxectoria intelectual da persoa á que honra, coa intención de impulsar as formas de creación e expresión do pensamento dende a lingua galega e fomentando o debate e reflexión arredor de temas variados.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, xunto ao presidente de Editorial Galaxia, Victor Freixanes, e aos membros do xurado deron a coñecer onte o nome do gañador desta edición, á que só se presentaron cinco orixinais. "Houbo menos que outros anos", lamentou o secretario do tribunal, Carlos Lema. "Tres deles son textos de especial calidade e ao final tivemos que decantarnos entre dous", engadiu.

O ensaio gañador foi "Barthes filósofo" que a pesares de ser a obra dun profesor de Filosofía "non é unha peza académica en sentido estrito", tal e como destacou Olivia Rodríguez, membro do xurado. Segundo argumentou, elixiron este texto porque é "unha aposta orixinal". "É unha visión persoal, subxectiva, que tenta establecer un diálogo co lector", explica.

E todo esto faino, segundo recalcaron, dende unha intención "pedagóxica e con claridade de exposición", pero sen perder por iso a orixinalidade.

Outro dos puntos que valorou o xurado é que se faga unha lectura dende Galicia dunha obra dun autor, como Barthes, que é "un dos puntais da cultura moderna e postmoderna".

En anteriores convocatorias tíñase premiado un ensaio sobre Marx, escrito por José María Durán, outro que leva por título "Para que nos serve Galiza?", de Xaime Subiela. Tamén foron galardoados "Queremos un mundo novo", de Teresa Moure, e "A arte do imposible", de Ramón Máiz.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook